«Estamos ante un momento histórico, decisivo, ante unha segunda oportunidade». Así definía as eleccións xerais deste 26 de xuño a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra de En Marea, Alexandra Fernández, quen fixo un chamamento á cidadanía a «votar con memoria, acordándonos de todas as políticas que levamos sufrindo estes catro anos, as políticas de recortes, de privatizacións, de empeoramento do emprego… Fagamos un voto pensando que o futuro ten outras caras, ten alternativas, pensando que o cambio é posible».
Tras exercer o seu dereito a voto na parroquia da Consolación, en Coia, a candidata asegurou que se trata dun momento decisivo «porque por primeira vez temos a oportunidade de acabar con esas políticas do Partido Popular». «Xa conseguimos dar un golpe de cambio nas anteriores eleccións, pero agora temos que acabar ese traballo que comezamos o 20 de decembro», salientou esta arquitecta viguesa de 27 anos.
Para a candidata de En Marea «hoxe a dicotomía é PP ou cambio», polo que instou ao Partido Socialista a decidirse e a mirar «cara a esquerda e a escoitar esa voz de cambio, que escoite á súa propia militancia que está pedindo que non sigan pola liña da troika, que non sigan cara a gran coalición».
Fernández animou a todos os españois a acudir ás urnas «e falar» porque «sen participación non hai democracia e non hai cambio político». A candidata de En Marea percorrerá as diferentes mesas electorais da cidade.