RGPD - Cookies
Comarcas

Salceda de Caselas multará por non recoller os excrementos dos animais das vías públicas

2016.06.24 ConviveO Concello de Salceda de Caselas, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA), ven de botar a andar unha campaña para solucionar o problema que está a supoñer a continua presenza de excrementos de cans nas beirarrúas e espazos públicos do municipio. Diferentes áreas do Concello traballarán coordinadas para que esta iniciativa dea os seus froitos canto antes (medioambiente, comercio, seguridade…)

Logo dunha época de información e concienciación, bótase a andar agora esta iniciativa que levará a aplicación de sancións aos propietarios e propietarias de mascotas que non cumpran coas medidas de seguridade e hixiene establecidas por lei. Os axentes da Policía Local, encargados de velar polo cumprimento da normativa, vixiarán fundamentalmente os feitos de que as mascotas vaian sempre atadas e de que se recollan os excrementos das vías públicas. Lembran dende o Concello que o incumprimento destas medidas carrexa sancións de entre 750 e 1500 €.

Tamén ACISA se involucra na campaña, colaborando na difusión da mesma, así como na concienciación aos propietarios e propietarias de mascotas da necesidade de cumprir con estas medidas.

Nos últimos tempos son diversas as queixas recibidas no Concello por mor dos excrementos que se atopan en beirarrúas e espazos públicos, polo que agora se unen esforzos para atopar unha solución definitiva ao problema. A pesar de que a maioría da cidadanía ten unha conduta cívica exemplar e é moi responsable en relación ao coidado dos seus animais de compañía e o seu comportamento, detectouse un aumento do número de excrementos de mascotas abandonados na vía pública. Este feito converteuse nunha molestia para os veciños e veciñas que transitan pola vila e arredores e pode converterse nun verdadeiro problema se non se atalla a tempo.

Á parte de poder causar un problema de imaxe a Salceda, é moito máis relevante o relacionado coa saúde dos veciños e veciñas xa que, como confirmaba Carla Pérez, Concelleira de Medioambiente, “abandonar os excrementos sen control crea focos de transmisión de enfermidades infecciosas que poden afectar ás persoas. Tamén poden provocar danos físicos debido a posibles resbalóns e caídas. Confiamos plenamente na responsabilidade dos veciños e veciñas de Salceda, para seguir a construír a vila da que cada día sigamos a sentirnos orgullosos e orgullosas”.

Loli Castiñeira, Concelleira de Comercio e Turismo: “Salceda é referencia xa en todo o País, e imos seguir a selo coa limpeza das nosas rúas. É unha satisfacción ver a implicación do tecido comercial da vila nesta campaña. Estamos convencidos que a suma de tantos esforzos dará o mellor dos resultados”.

También te puede interesar