Cultura

O Festival Sinsal regresa a San Simón cunha vintena de artistas

festival sinsal

A illa de San Simón volverá converterse no escenario do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que celebra a súa décimo cuarta edición do 22 ao 24 de xullo. Grupos galegos e internacionais comparten cartel nun evento que ten entre os seus atractivos o feito de manter o segredo da súa programación ata o momento da apertura, xa que os asistentes non reciben o programa ata que desembarcan na illa.

Ata 20 artistas galegos e internacionais daranse cita na programación oficial deste ano. Músicas e sons desde Brasil, Arxentina, Chile, Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Lituania, Exipto, Portugal, España, Alemaña e Zimbabue, entre outros, soarán este ano en Sinsal, que mantén a súa filosofía de compoñer un cartel procedente de diferentes continentes con músicos que definen os sons de hoxe e que encabezan os festivais máis prestixiosos de Europa.

Nesta ocasión destaca a participación de bandas de Francia e Portugal, o peso dos trobadores contemporáneos no cartel 2016 e as novas reinterpretacións do tropicalismo brasileiro por parte de novos grupos. Ademais, o festival outorgaralles ás mulleres creadoras un papel relevante no cartel, visibilizando o seu traballo en diferentes facetas da música.

Entre as novidades desta edición, algunhas relacionadas coa gastronomía, co transporte e co acceso do público menor de 16 anos. O aforo limitado a 800 persoas por día, a contorna natural, o feito de ser un evento diúrno e moi familiar, tanto pola proximidade de músicos e organización co público como polo feito de promover a participación da audiencia nova, sitúan o festival como unha proposta alternativa, que este ano propón obradoiros, experiencias náuticas e paseos en goleta pola enseada.

 

También te puede interesar