Ciencia y Tecnología

Estudan se a relación entre a presenza de contaminantes en placenta e leite materno coa incidencia no autismo

leite

Existe unha preocupación crecente, en base a datos epidemiolóxicos e clínicos, de que a exposición temperá a compostos coñecidos como contaminantes orgánicos persistentes (COP) e pseudopersistentes afecta ao sistema neurolóxico humano e pode conducir a deficiencias no seu desenvolvemento e problemas de aprendizaxe.

Con esta premisa, investigadores do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo están a desenvolver un estudo no que fan un seguimento no embarazo e nos dous primeiros anos de vida do bebé para detectar a presenza destes contaminantes en nai e fillo e a posible transferencia dun a outro a través da placenta e do leite materno. Os niveis detectados relacionaranse coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista (TEA).

Os resultados previos da análise das placentas reflicten a presenza de contaminantes estudados, como retardantes de chama, presentes nas tapicerías e cortinas, e de insecticidas de uso doméstico e de mascotas.

analisisO equipo, formado por Jesús Simal, Elena Martínez Carballo e Tania Fernández, iniciou a súa investigación na Facultade de Ciencias do campus de Ourense no ano 2014. O obxectivo xeral é coñecer o estado de saúde da poboación galega materno-infantil en base á presenza no organismo de contaminantes químicos orgánicos mediante un estudo observacional prospectivo a tres anos.

No caso das nais embarazadas-fetos este estudo faise por medio da análise da placenta e do cabelo; no caso dos lactantes coa análise do leite materno e do meconio e no caso dos nenos por medio dunha análise de cabelo. Actualmente a investigación, na que participan arredor dun centenar de mulleres e os seus fillos das catro provincias galegas, está na fase de seguimento tralo parto, analizando placenta, meconio e leite materno.

Os resultados, sinalan os investigadores, poderían estimular a que gobernos e institucións asuman medidas de control da contaminación ambiental e alimentaria co fin de diminuír os riscos para a saúde da poboación xeral.

Á hora de analizar a relación dos niveis destes contaminantes coa incidencia do Trastorno de Espectro Autista, os investigadores deben de ter en conta que se estima que a nivel mundial un de cada 150 nacidos sufre Trastorno do Espectro Autista e só 20 anos atrás a proporción era de un por cada 10.000 nacementos. Existen evidencias que suxiren que os factores medio ambientais teñen unha importante contribución ao retraso no desenvolvemento e ao autismo en nenos.

También te puede interesar