Comarcas

As adegas galegas aprenden a internacionalizarse en Arbo

bodegas

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia organiza este mércores 11 en Arbo unha xornada técnica enfocada a ensinar a fórmula para favorecer a exportación dos viños galegos. Baixo o título ‘A internacionalización das adegas. Instrumentos para a venda do viño galego no mercado exterior’, explicarase aos asistentes ao multiusos da localidade as ferramentas máis axeitadas para vender o seu produto no exterior.

As charlas irán destinadas a viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores, persoal investigador interesado no tema e estudantes, así como ao público xeral. Os conferenciantes falarán da necesidade de internacionalización das adegas e da situación do viño no mercado exterior, das axudas dispoñibles, dos problemas que atopan as adegas ao saír ao exterior ou do papel do consultor freelance na internacionalización.

Ademais, varias empresas do sector exporán as súas experiencias na exportación de viños como as adegas de Guímaro (Ribeira Sacra), As Laxas (Rías Baixas) e Grupo Bodegas e Bebidas (Ourense), así como o presidente da Comissao de Viticultura da Regiao dos Vinhos Verdes de Portugal, Manuel Dias.

También te puede interesar