Ciencia y Tecnología Galicia

Mención internacional para unha tese galega sobre a vide

vid

Unha tese de doutoramento sobre prácticas de cultivo da vide desenvolvida na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) acadou a “Mención Internacional”, concedida pola comisión avaliadora deste traballo investigador.

A tese foi elaborada por Emiliano Trigo, licenciado en Enoloxía, quen abordou o estudo de dúas prácticas de cultivo no viñedo: rega e cubertas vexetais. Desenvolvéronse ensaios de rega en parcela para as castes albariño, godello e treixadura nas denominacións de Orixe (DO) Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, xunto cun ensaio de diversas cubertas vexetais sobre a caste mencía na DO Ribeiro. Nos ensaios avaliáronse os efectos fisiolóxicos, agronómicos e cualitativos dos diferentes tratamentos durante tres campañas (2012 a 2014).

Os resultados da investigación doutoral amosaron que a rega en Galicia non supuxo melloras produtivas nin cualitativas fronte ao sequeiro, agás na treixadura nun dos tres anos de estudo, concluíndose que é preciso propoñer novos ensaios con diferentes doses de rega e distintos períodos de aplicación durante o ciclo vexetativo do viñedo. Respecto das cubertas vexetais, estas produciron unha redución da expresión vexetativa da videira, sen prexudicar a produción, reducíndose o tamaño da baia, o que amosa unha mellor aptitude para a obtención de viños de calidade da caste mencía.

A tese partía do feito de que as prácticas de cultivo nas vides galegas preséntanse como unha ferramenta clave cara a adaptación das castes autóctonas fronte á cambiante situación climática na nosa comunidade. O carácter vigoroso das castes galegas xera a necesidade de estudar como controlalo, sen afondar en efectos negativos sobre a calidade do produto final, o viño. Neste senso, o manexo das cubertas vexetais entre as filas dos viñedos presenta a vantaxe de competir cos recursos dispoñibles para a viña, reducindo polo tanto o seu vigor. Asemade, a irregularidade na distribución das precipitacións en Galicia, durante a época estival, pode facer necesarias regas complementarias para reducir o risco de estres hídrico no viñedo, o que podería afectar á calidade da uva.

 

También te puede interesar