Ciencia y Tecnología

Os accidentes con animais salvaxes, máis frecuentes en estradas con boa visibilidade

forestal

Unha estrada con baixa visibilidade, nunha zona na que sexan numerosas as poboacións de xabarís ou corzos, podería ser vista como o punto no que é máis probable ter accidente cun animal salvaxe. Mais un estudo realizado polo grupo de investigación AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, desmonta esta e outra serie de ideas respecto dos accidentes de tráfico causados por fauna salvaxe, causante en Galicia de preto de 3,5 colisións ao día. Tras estudar os accidentes provocados por animais con pezuño ou casco nas estradas rexionais galegas ao longo de cinco anos, o grupo AF4 conclúe que os accidentes con fauna salvaxe adoitan darse con maior frecuencia en estradas anchas e con boa visibilidade, nas que é posible circular a velocidades máis elevadas.

Segundo os datos da antiga Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dos que parte esta investigación, entre 2006 e 2010 tiveron lugar 9.386 accidentes con animais nas preto de 15.000 estradas que compoñen a rede viaria rexional, a escollida para este estudo por ser a máis numerosa e por non estar valadas. Destes 9.386 accidentes, 6.255 foron provocados por ungulados, maioritariamente xabaril e corzo, e foron estes os analizados polos profesores Enrique Valero, Juan Picos e Xana Álvarez nun estudo que deu pé a un artigo publicado na revista Wildlife Research, no que tamén dan conta dunha “metodoloxía moi específica”, empregada para asociar cada accidente a un quilómetro cadrado concreto.

Estradas con tráfico e velocidades elevadas

“Lugares como Os Ancares, O Courel ou o Macizo Central ourensán teñen unha alta densidade desta fauna, polo que podes pensar que, como hai moitos animais, hai máis accidentes, e realmente non é así, os tramos con máis accidentes non son onde máis fauna hai”, salienta Valero, director da EE Forestal. Pola contra, o estudo sitúa os puntos con maior densidade de accidentes en estradas cun maior volume de tráfico e un maior ancho da estrada e da beiravía, así como unha mellor visibilidade e outra serie de factores que contribúen á que a velocidade sexa máis elevada. De feito, a análise realizada asocia os puntos con maior frecuencia de accidentes a tramos nos que esta é superior aos 60 quilómetros por hora.

Alta densidade de estradas e zonas de paso

Se ben o estudo realizado polo grupo AF4 demostra que as características da estrada inflúen nos accidentes con ungulados, non son estas os únicos factores que determinan a súa frecuencia. Tamén inflúe, como explica Álvarez, o número de estradas que conflúan nunha mesma zona. “Nos espazos montañosos, a probabilidade de que un ungulado sexa atropelado é menor canto menor é a densidade de estradas”, apunta esta investigadora dun estudo que tivo en conta as moitas ramificacións da rede viaria galega, motivo polo que a densidade dos accidentes foi estudada por quilómetros cadrados, en lugar de, como é máis habitual, por quilómetros lineais.

Do mesmo xeito, o estudo tamén amosa que os accidentes poden darse tanto nas zonas nas que residen as poboacións destes animais como naquelas que poidan considerarse lugares de paso. Nese senso, a investigación pon o acento na “fragmentación de hábitats” que pode derivarse da construción de estradas. “Se coa rede viaria fragmentas todo o espazo, loxicamente, vas ter accidentes”, admite Valero, que subliña a importancia de crear nestes casos pasos de fauna, “uns espazos acondicionados para o paso dos animais, nos que non vexan moita diferenza co seu hábitat natural”, ao tempo que admite “que o realmente efectivo sería planificar as estradas adecuadamente”.

También te puede interesar