Ciencia y Tecnología

O persoal investigador, no catálogo de postos de traballo da Xunta

investigador

A Xunta creará a figura do persoal investigador para incluíla no catálogo de postos de traballo ofrecidos pola administración autonómica co obxectivo de favorecer a retención do talento científico galego.

Deste xeito, Galicia será pioneira en regular a contratación en réxime laboral do persoal investigador que realiza o seu traballo en centros de investigación pertencentes a esta Administración, que nos dous últimos anos xa contratou a 111 persoas vinculadas a diferentes proxectos de investigación.

Innovación e sanidade

Poderán contratar este tipo de persoal os entes públicos da Xunta que desenvolven o seu labor científico nos eidos da innovación e a sanidade.

Para iso, o proxecto de decreto contempla tres tipos de contrato: investigador distinguido, cunha duración máxima de cinco anos; de acceso ao sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación, cunha duración máxima tamén de cinco anos; e o contrato predoutoral, cunha duración máxima de catro anos.

A Xunta  poderá contratar este persoal a través de dez entes públicos que desenvolven o seu labor científico nos eidos da innovación, a saúde, a tecnoloxía e a alimentación. Así, no eido da innovación poderán contratar persoal investigador a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Axencia Galega de Innovación e a Fundación CESGA. No eido da saúde, poderán facelo a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Ademais, tamén están incluídas neste decreto cinco entes públicos vinculados á investigación en saúde e alimentación: o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (INGACAL), a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, Xenética Fontao, S.A., o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR).

También te puede interesar