Galicia

Requisados 800 quilos de peixe e marisco nas rías galegas

centola

O Servizo de Gardacostas de Galicia requisou nos últimos días preto de 800 quilos de peixe e marisco, 390 aparellos e 4400 metros de artes de enmalle nas rías galegas.

A maior cantidade requisada produciuse na ría de Vigo, onde os axentes decomisaron preto de 162 quilos de diferentes especies, 50 aparellos de pesca e 3750 metros de artes de enmalle. O operativo máis importante desenvolveuse nas zonas das Queimadas, praia de Samil, Pedras do Sinal e Cabo do Mar e nel os axentes comisaron preto de 29 quilos de peixe e marisco, a maioría choco.

Na ría de Pontevedra incautáronse 180 aparellos de pesca, máis de 130 quilos de diversas especies e 250 metros de artes de enmalle. O operativo máis destacado foi en Aguete e saldouse coa incautación de 172 nasas de polbo, 2 caceas, un salabardo e co comiso de 57 quilos de polbo e 35 de centola ovada.

Pola súa banda, na ría de Arousa produciuse o comiso de 111 quilos de peixe e marisco, 32 deles de choco, e a incautación de 101 útiles de pesca e 250 metros de artes de enmalle. En Muros-Noia os gardacostas incautaron unha embarcación de porexpán que carecía de nome e 8 nasas de ferro e 21 quilos de marisco e de 2 viveiros, mentres que na Costa da Morte comisáronse  118 quilos de peixe e marisco, a gran maioría de centola.

Ademais, nun control na cadea da comercialización realizado na estrada A-8, na Mariña luguesa, axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil de Burela e de Xove requisaron 250 quilos de ourizo xa que non estaba debidamente documentado e incumpría os requisitos regulamentarios de comercialización.

También te puede interesar