Cultura

@festivaldecans concede o ‘Premio Pedigree’ á productora Emma Lustres

Emma Lustres
Emma Lustres

A asemblea do Festival de Cans decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree, o seu máximo galardón honorífico, á produtora Emma Lustres, unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films. Xa cunha longa traxectoria, ten colleitado grandes éxitos para as súas producións proporcionándolle unha gran visibilidade a numerosos profesionais galegos.

É o caso de filmes como El Desconocido de Dani de la Torre (Premios Goya a mellor montaxe e mellor son, con oito nominacións en total e que acaba de recibir 15 nominacións aos Mestre Mateo) e Celda 211 de Daniel Monzón (oito Premos Goya, entre eles o de mellor película e mellor actor para Luis Tosar). O festival quere recoñecer a súa sólida carreira e sobre todo o seu labor como impulsora dos creadores galegos, nomeadamente os novos realizadores.

Chelo Fortes e Manolo Cid
Chelo Fortes e Manolo Cid

Así mesmo, a organización do festival decidiu outorgarlle os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime”, que recoñecen cada ano o labor dos veciños e veciñas de Cans e mais a unha personalidade que destaque polo seu apoio ao certame, a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid”, centro de apoio loxístico durante os días do evento, e a Xurxo Souto, incondicional de Cans que comparte ano tras ano o seu saber musical e popular con locais e foráneos, facendo un roteiro pola parroquia que o converteu xa nun máis da familia.

Xurxo Souto
Xurxo Souto

Todos eles recollerán o seu premio na “Noite das Homenaxes” que se celebrará o venres 20 de maio no Torreiro de Cans. O acto rematará coa colocación no Torreiro da estrela de Emma Lustres.

También te puede interesar