Vigo al minuto

@jrgomezbesteiro presenta en Vigo a proposta que se presentará no Parlamento de Galicia para rescatar o Cunqueiro

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, este luns diante do Cunqueiro/Foto:vigoalminuto.com
O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, este luns diante do Cunqueiro/Foto:vigoalminuto.com

Os socialistas galegos levarán ao Parlamento de Galicia unha proposta “para o rescate” do Hospital Álvaro Cunqueiro. “Temos que recuperar a concesión e darlle un servizo público de calidade aos cidadáns”, asegurou este luns, diante do propio hospital o secretario xeral do PSdeG.

José Ramón Gómez Besteiro anunciou esta iniciativa xunto ao alcalde, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. “O PSdeG defende os intereses dos cidadáns, levamos anos falando dos sobrecustos e agora o que pedimos é o rescate da instalación hospitalaria, unha volta ao público”, manifestou Besteiro.

“Levaremos a proposta ao Parlamento, non podemos permitir unhas instalacións privatizadas, con servizos deficientes e caros; a sanidade debe estar ao servizo da cidadanía e o hospital de Vigo é un fiasco que se levará por diante a Feijóo e o PP de Galicia”, asegurou.

“Cun compromiso por parte de todos, o rescate é posible, os socialistas cremos na sanidade pública e nos servizos públicos, temos que revisar a concesión en base aos defectos da adxudicación e esperamos o apoio de todos os partidos”, engadiu Besteiro.

Pola súa parte, Abel Caballero, lembrou que “Feijóo abriu en Vigo un hospital a través dunha empresa privada, un insulto para a cidade, reclamamos as 1.450 camas que ten que ter, aparcamento gratuíto e o rescate da concesión”.

En termos similares manifestouse Carmela Silva, quen lamentou que “Feijóo só quere marchar de Galicia e non atende as demandas dos cidadáns; todas as denuncias previas das asociacións convertéronse en realidade, temos un hospital que só é un negocio para os amigos do presidente do Goberno galego”.

También te puede interesar