Galicia Sucesos

@Gardacostas requisan máis de 710 quilos de varias especies e 147 aparellos de pesca en diversas operacións contra o furtivismo

nasas-incautadas1Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia realizaron nos últimos días diversos operativos contra o furtivismo que se saldaron co comiso de máis de 710 quilos de peixe e marisco e con 147 aparellos de pesca. Ademais, os gardacostas requisaron tamén dous vehículos que transportaban parte da mercadoría ilegal.

A actuación máis destacada foi nun control por estrada en Vilanova. Nela, os axentes de Gardacostas en colaboración cos da Garda Civil de Vilagarcía, fixéronse con máis de 290 quilos de vieira ilegal e tamén requisaron o vehículo que transportaba esta mercadoría. Nesta zona tamén se realizou outro operativo en colaboración coa Garda Civil, que deu como resultado o comiso de máis de 61 quilos de vieira.

O Grove tamén foi escenario de dous operativos de loita contra o furtivismo. Nun deles, realizado por estrada en colaboración coa Garda Civil deste municipio, os inspectores comisaron máis de 242 quilos de berberecho procedente de Portugal que carecía de documentación. Ademais, requisouse o vehículo que transportaba o marisco. Noutra actuación levada a cabo no porto pesqueiro, os axentes incautaron 2 viveiros sen identificar que contiñan 14 quilos de nécora.

Por outra banda, entre as Illas Malveiras e Rianxo, os Gardacostas realizaron unha actuación que tivo como resultado o comiso de máis de 43 quilos de choco, máis de 2 quilos de cazón, preto dun quilo de linguado e máis dun quilo de raia. Neste operativo os axentes tamén se fixeron con 140 butróns sen identificar. Noutro operativo desenvolvido en Rianxo coa colaboración da Policía Autonómica, os axentes fixéronse con 20 quilos de ameixa babosa e con 4 angazos.

A zona de Arousa Norte tamén foi escenario de varios operativos de loita contra a extracción ilegal. Así, na zona de San Francisco, na Ría de Muros e Noia, os inspectores fixéronse con máis de 4 quilos de nécora ovada que estaba sen identificar. No Freixo, na Serra de Outes, requisaron máis de 9 quilos de berberecho. A maiores, nos arredores da lonxa de Ribeira os axentes comisaron 20 quilos de ourizo.

Ademais, no porto de Corme tamén se rexistrou unha actuación deste servizo, que se saldou co comiso dun viveiro sen identificar que contiña máis de 2 quilos de nécora e medio quilo de santiaguiños.

También te puede interesar