RGPD - Cookies
'Qué te cuentas?' Vigo al minuto

Caballero pedirá ao Goberno galego a cesión dos edificios dos xulgados para o seu uso socio-cultural

Un dos inmobles dos xulgados
Un dos inmobles dos xulgados

O alcalde prosegue a súa rolda de contactos con diferentes entidades viguesas para tratar o traslado da Cidade da Xustiza á torre do Xeral. Este xoves recibiu a Germán Serrano, xuíz decano de Vigo, con quen atopou «unha coincidencia e harmonización total» ao compartiren «a visión da importancia e conveniencia da instalación tanto na torre como na parte anexa do edifico central», aínda que queda pendente analizar que ocorrerá co Anexo 1 que, en principio, tamén formará parte da nova Cidade da Xustiza de Vigo, segundo sinalou Caballero.

A intención do alcalde, como indicoulle ao xuíz decano é «asinar un convenio no que todas as partes interesadas asuman a súa responsabilidade e non ter que depender de avatares políticos».

O encontro con Germán Serrano serviu tamén para abordar as posibilidades construtivas da Cidade da Xustiza que, para o alcalde, será «certamente excepcional; de rango europeo» e seguindo a forma de funcionamento e de distribución técnica doutras que son modélicas en España. Ámbolos dous concordan na necesidade de reducir o tempo de preparación do proxecto o máximo posible.

Abel Caballero mantivo tamén un encontro esta mañá con membros da Asociación de Comerciantes das Travesas, AETRAVI, preocupados polo futuro do comercio no barrio, a quen lles manifestou que ten «toda a atención posta na zona de maneira que non só non vai empeorar senón que temos que tratar de que mellore e aproveitar isto como un grande reto e unha grande oportunidade», referíndose ao dobre obxectivo de mellorar a Cidade da Xustiza e o ámbito das Travesas e de Coia.

O alcalde informounos de que, en canto estea asinado o convenio, solicitará a ampliación do uso de biblioteca para o solo no que estaba prevista inicialmente a construción das dependencias xudiciais viguesas, co fin de demandarlle ao Goberno central que constrúa neses terreos a biblioteca do Estado e, de xeito paralelo, solicitaralle ao Goberno de Galicia a cesión dos dous edificios actuais para dedicalos ao ámbito socio-cultural.

Segundo Caballero, a zona reúne todas as características para ser un ámbito de referencia social, cultural e deportiva, unhas actividades que implican unha «importante mobilización cidadá». Neste sentido, entende que o traslado do proxecto ao Xeral é unha «ocasión importante para a cidade e temos que saber usala» polo que pide a cooperación dos comerciantes para facer este gran cambio entre todos, sinalando que «mentres eu sexa alcalde ningunha zona da cidade vai quedar abandonada e menos As Travesas» e engadiu que lle «agradecería á Xunta que tamén dea alternativas para a recuperación desa zona de forma paralela á construción da cidade da Xustiza».

También te puede interesar