
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Carla Pérez, vén de alertar sobre o «preocupante incremento» que está a ter a poboación de vespa velutina, popularmente coñecida como ‘vespa asiática’, “sen que a contratación da empresa Tragsa, por parte do Goberno de Galicia, estea a supoñer ningún tipo de solución ao problema”. De cara a marzo, advirte Carla Pérez, o problema pode agravarse ao ser a época en que ten lugar a saída da raíña e o ciclo reprodutivo das obreiras.
O pasado ano, lembra a concelleira de Medio Ambiente, xa se viviu este problema debido, por unha banda, a alta taxa de reprodución desta vespa e, por outro, a que «atopou no noso territorio unhas condicións climáticas idóneas para o seu desenvolvemento” e engade que todo apunta a que este ano «poderíamos padecer esa situación dunha maneira máis acentuada».
O problema, a xuizo da concelleira,non só afecta aos apicultores, «que ven un decrecemento acentuado na produción de mel, ao ser a abella unha das dietas elixidas pola vespa velutina», senón que a diminución da poboación de abellas leva a aparellada unha diminución da polinización de diversas especies froiteira cunha baixa da produción. A isto engádese, sinala Carla Pérez, «un grave problema de seguridade sobre todo para os sectores máis vulnerables como son os máis cativos, as persoas maiores e as alérxicas».

Pese a preocupación amosada polos concellos ante este problema e que se reflicte no feito de que moitos deles, como é o caso de Salceda, «organizaron charlas para informar sobre este tema, non se mira que a contratación da empresa Tragsa por parte do Goberno galego, para loitar contra esta praga, estea dando os froitos desexados», afirma Pérez.
Os Concellos, pese a solicitar reunións coa Conselleira de Medio Rural, «non estamos a recibir resposta por parte da Xunta» e, no caso concreto de Salceda, puntualiza a concelleira de Medio Ambiente, «o problema atállase, principalmente, polo traballo que está a desenvolver a Agrupación Apícola de Galicia, que está a pór medios propios e persoal para proceder á retirada e eliminación dos niños, sendo moitos os que conseguen retirar coa axuda dunha pértega que lle permite acadar aqueles que están situados ata 20 metros de altura».
Carla Pérez quería expresar o seu agradecemento e o do Concello de Salceda de Caselas, a Florencio Pérez Alonso e a José María Seijo Coello, da Agrupación Apícola, «que dun xeito totalmente altruísta, estanse a encargar, en Salceda, da eliminación dos niños de vespa velutina». Lamenta a concelleira que «uns particulares, de xeito totalmente voluntario, teñan que desenvolver o traballo para o que o Goberno de Galicia contratou unha empresa que, a todas luces, non cumpre co cometido estipulado».