Vigo al minuto

@MareaVigo reúnese coa dirección de Citroën que conclúe que é posible a reforma da planta sen ampliación cara a Matamá

Os concelleiros de Marea de Vigo (Arquivo)/Foto:vigoalminuto.com
Os concelleiros de Marea de Vigo (Arquivo)/Foto:vigoalminuto.com

O Grupo Municipal da Marea de Vigo, xunto co deputado de AGE Antón Sánchez, mantivo unha xuntanza coa dirección da PSA co obxectivo de clarificar a situación despois da anulación do Plan Xeral e co debate que se está dando no Goberno de Galicia sobre a modificación da Lei do Solo.

Marea de Vigo agradece a explicación que a dirección da PSA aportou sobre as necesidades urxentes da planta de Balaídos, que non se corresponden cunha ampliación dos limites actuais da fabrica, senón que afectan a reorganización de espazos dentro dos limites xa existentes. Estes cambios quedan sen cobertura ante a anulación do Plan Xeral de Vigo, a reorganización que pide con urxencia PSA, non ten nada que ver coa ampliación da mesma cara Matamá; e considera urxente permitir unha saída a esta situación para a que non sería necesaria unha modificación da lei do solo.

Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo, pide diálogo entre as forzas políticas no Concello cara a chegar a un consenso para resolver esta situación, partindo tanto da realidade sobre as necesidades da planta, como da legalidade urbanística, existindo fórmulas e instrumentos como os “proxectos de incidencia supramunicipal”, recollidos xa na lei de ordenación do territorio de Galicia dende o 1995, sen necesidade de hipotecar o futuro do urbanismo en todo o territorio do pais cunha modificación que pode ter graves consecuencias legais.

A Marea de Vigo pide encarecidamente ó Goberno Municipal seriedade e responsabilidade á hora de abordar esta cuestión, deixando de lado “cortoplacismos” por motivos publicitarios; “que xa comprobamos a longo prazo acaban en anulacións de plans urbanísticos”, e así demostre que realmente se preocupa polo futuro industrial da cidade, co rigor e a seriedade que merece.

A Marea de Vigo considera que a “incontinencia verbal” de Abel Caballero nos medios de comunicación, ademais de crear desinformación, confusión e “medo” na cidadanía, só se pode entender dende unha perspectiva electoralista e populista, “a que xa estamos todas e todos acostumados”, polo cal lembrámoslle que cambie de rexistro, posto que “non estamos falando dun asunto da relevancia da descendencia dos dinosetos” senón do desenvolvemento industrial de Vigo con todo o que conleva.

También te puede interesar