
Medio cento de persoas concentáronse este xoves pola mañá diante da delegación do Goberno de Galicia en Vigo convocadas pola Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a PAH Vigo Tui-Baixomiño, Os Ninguéns, RSP Vigo e G.A.S. para esixir suministros básicos para todos.
«Sufrimos a miseria e a precariedade que provoca a privatización de dereitos básicos, convertidos en produtos de consumo sometidos ao mercado e non aos intereses colectivos. Necesidades básicas coma: ter electricidade, quentar os nosos fogares, ducharnos ou facer a comida están a ser sometidos á lóxica perversa e depredadora da especulación dos capitais», aseguraron os convocantes.
Segundo denunciaron, fronte a esta terrible realidade o Goberno galego «volve a convocar unhas mal chamadas axudas públicas contra a pobreza enerxética: o Ticket eléctrico social e as Axudas urxentes de tipo social para evitar os cortes de subministración eléctrica»que, a xuizo destes colectivos, son parches propagandísticos, «miserentos, restritivos e totalmente inútiles para loitar contra a precaria situación na que se atopan moitas familias».
Os representantes destas asociacións aseguran que, como o Concello, a Xunta «tenta agochar con esmolas o terror que sofren moitos fogares en Vigo e en Galicia que son privados duns mínimos para a vida». Dacordo cos seus datos, 100.00 fogares galegos padecen pobreza enerxética, «mentres as grandes eléctricas obteñen grandes beneficios: en 2015, un 18% máis que no ano anterior».
Perante esta situación piden que haxa unha xestión pública dos servizos básicos co fin das concesións ás empresas privadas «que non garanten os nosos dereitos»; luz, auga e gas para todas, con «tarifas sociais en función dos recursos das persoas e que contemple que quen non ten non pague», e o cese inmediato dos cortes de subministros ás familias que non poden facer fronte aos gastos enerxéticos por non dispor de ingresos.