Galicia

@Gardacostas requisa 1.840 quilos de peixe e marisco nas rías de Muros e Noia, Vigo, Arousa e Ferrol

MariscoAxentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 1.840 quilos de peixe e marisco e 237 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados polo litoral galego nos últimos días. Os inspectores do Goberno galego tamén se fixeron con 3.950 metros de artes de enmalle.

Na ría de Muros e Noia os gardacostas comisaron 1.773 quilos de diversas especies e incautaron 3.600 metros de artes de enmalle e 69 artes de pesca. O operativo máis destacado tivo lugar na reserva mariña dos Miñarzos, onde os inspectores fixeron con 1.755 quilos de mexilla.

Por outra banda, na ría de Arousa realizáronse varios operativos que deron como resultado o comiso de máis de 51 quilos de diversas especies e a incautación de 140 aparellos de pesca e 200 metros de artes de enmalle. A actuación máis relevante foi nun control rexistrado na zona de Sálvora e Portomouro, onde se incautaron 111 nasas de polbo, 22 de centola e 7 de choco e as especies que contiñan, 15 quilos de polbo, 6 de centola e 10 de choco. Os axentes requisaron este material porque se atopaba todo sen identificar.

Na ría de Vigo tamén se rexistraron diversas actuacións deste servizo. Nelas, os inspectores comisaron 15 quilos de peixe e marisco, 150 metros de artes de enmalle e 11 útiles de pesca. O operativo máis destacable desenvolveuse no peirao de Canido, onde os axentes se fixeron con 7 nasas de ferro e cos 8 quilos de centola e 2 de nécora que contiñan.

Ademais nun control realizado na zona do Couto, na ría de Ferrol, os axentes comisaron preto de 3 quilos de ameixa babosa. Por outra banda, na ría de Ares-Betanzos os inspectores tamén se fixeron con 17 nasas de nécora por careceren de identificación.

También te puede interesar