Galicia

Esixen solucións para as 50 granxas de Codegui ás que Celta deixará de recollerlles o leite o 1 de febreiro

VacasOs socios e socias da cooperativa Codegui que fornecen leite a Celta terán este mércores unha asemblea difícil. Nela, as 50 granxas leiteiras de Codegui, o meirande de Guitiriz -pero tamén de concellos veciños como Vilalba, Aranga ou Xermade- terán que decidir que fan cos 26.000 litros de leite que lles recolle cada día a industria con sede en Pontedeume logo de que Celta xa lles anunciou que deixará de mercarlles a partires do 1 de febreiro.

Codegui mantivo contactos con outras industrias nos últimos días, pero todos foron infrutuosos. Deste xeito, a única solución que teñen agora mesmo sobre a mesa é a de saldar o leite que produzan a prezo de intervención, isto é, a 18 céntimos o litro.

Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), esixen a intervención urxente da Consellaría de Medio Rural para que «cumpra coa súa obriga de defender estas granxas do desamparo no que fican diante da decisión de Celta de non renovarlles o contrato». A alternativa de «vender o leite a 18 céntimos non só é indigna, senón que será ruinosa e provocará, antes ou despois, a creba económica das 50 granxas leiteiras de Codegui, polo que a Consellaría de Medio Rural ten a obriga de evitalo».

O SLG denuncia, de novo, que as políticas do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural para o sector lácteo, nomeadamente o acordo de boa vontade asinado en Madrid do pasado 23 de setembro, «non están a servir para nada». Se atendemos aos datos facilitados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), «no ano 2015 pecharon en Galicia medio milleiro de granxas de leite, pois comezamos o ano con 9.606 explotacións facendo entregas, e en novembro quedaban só 9.181».

En canto aos prezos, segue sen haber trazas de recuperación: en novembro, o prezo medio en Galicia, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, foi de 28’70 céntimos por litro. «Coma sempre, esta media leva a engano, pois se collemos só as granxas que producen 300.000 quilos ou menos -o meirande no país- o prezo medio cae a 26,69 céntimos».

Actualmente, a produción non para de medrar na nosa terra con respecto ao ano pasado «sen que as autoridades fagan nada para controlala, de maneira que o previsible é que siga habendo industrias que deixen de recoller impunemente o leite -non hai ningunha lei nin acordo que as obrigue-, pois non teñen maneira de comercializar os excedentes, mentres os prezos seguen afundíndose por ese exceso de produción».

Diante deste panorama, dende o SLG se exise que o Ministerio de Agricultura sente de novo aos axentes do sector para negociar solucións realistas e efectivas para que non se repitan casos como este de Codegui que ameaza con arruinar medio cento de granxas galegas.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.