Galicia Sucesos

#GardacostasGalicia requisa máis de 835 quilos de peixe e marisco durante operativos contra o furtivismo

Furtivismo GaliciaAxentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 835 quilos de peixe e marisco e 391 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados polo litoral galego nos últimos días, co fin de vixiar a extracción ilegal de especies. Os inspectores tamén se fixeron con 10.500 metros de artes de enmalle.

Na ría de Arousa houbo varios operativos que deron como resultado o comiso de 2.550 metros de artes de enmalle, máis de 443 quilos de especies e a incautación de 51 aparellos de pesca. A actuación máis relevante foi nun control rexistrado por estrada en Vilaxoán, no que os axentes comisaron máis de 417 quilos de ameixa xapónica procedente de Portugal.

Por outra banda, na ría de Pontevedra os gardacostas requisaron 7.950 metros de artes de enmalle, 241 útiles de pesca e 72 quilos de diversas especies. O operativo máis destacado foi nas zonas de Ons, Onza, Punta Couso e baixos da Mingalla, onde os axentes incautaron 200 cacharros de polbo, 3 viveiros de nasas e un palangrillo e comisaron 29 quilos de polbo e máis de 2 quilos de camarón.

A ría de Ferrol tamén foi escenario de varios operativos que se saldaron coa incautación de 4 aparellos de pesca e máis de 151 quilos de mestura de ameixa, a maioría babosa e de talla antirregulamentaria.

Ademais nun control realizado por terra na Coruña, os axentes incautaron 142 quilos de ameixa. Por outra banda, na ría de Corcubión os inspectores tamén se fixeron con 12 quilos de polbo, 60 cacharros e 35 nasas de madeira por estaren sen identificar. Ademais, nun operativo levado a cabo en Carballo, os inspectores comisaron preto de 15 quilos de centola, a maioría ovada.

También te puede interesar