Comarcas Vigo al minuto

A Deputación abre o prazo para o programa ‘Conectadas 2016’

Business team with hands together - teamwork concepts, isolated

A Deputación de Pontevedra publicou hoxe no BOPPO as bases reguladoras do programa “Conectadas 2016” . A partir de mañá, 12 de xaneiro, e durante un mes, as entidades que promoven o desenvolvemento das mulleres poderán presentar as solicitudes para poder optar ás 267 prazas do programa nos rexistros da Deputación.

“Conectadas 2016”, dotado de 321.433 €, trátase dunha modificación radical do anterior programa “Pensa en Ti” que ofertaba cursos non adaptados a unha sociedade do século XXI: automaquillaxe, corte e confección ou cociña no sentido máis tradicional da forma de entender a participación das mulleres no mundo.

“Conectadas 2016” ten por obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, favorecer o intercambio de experiencias en igualdade, impulsar accións formativas para contribuír a mellorar a empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, facilitar o emprego da información e as novas tecnoloxías e incorporar de maneira transversal os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Os bloques de contido de “Conectadas 2016” son os seguintes: “Muller emprende: iniciativas sostibles para o emprego” (plan de negocio, community manager, e-commerce, asesoría laboral e fiscal, coaching, etc.), “Muller e cultura: artes visuais” (fotografía, pintura, percusión, teatro, etc.), “Actualízate” (correo electrónico, manexo de tablet, smartphone, redes sociais, etc.), “Coas túas mans” (cestería, traballos en tea, coiro, madeira, costura creativa, etc.), “Porque ti o fas” (arte floral e ornamentación, sostenibilidade, horta ecolóxica, etc.), “Súmate ó cambio” (hábitos saudables, conservación de alimentos, mantemento do fogar e xestión doméstica, corresponsabilidade doméstica e familiar, coida o teu vehículo, bricolaxe, etc.), “Ponte en forma” (pilates, tai-chi, ioga, etc.) e “Coidados persoais e saúde” (manexo do estrés, menopausa saudable, risoterapia, musicoterapia, etc.).

As accións formativas deste programa, dunha duración de 35 horas, estarán abertas a toda a poboación da provincia e incluirán, de forma transversal, o tratamento da igualdade entre mulleres e homes a través dun módulo de sensibilización en igualdade de 5 horas de duración. As mulleres terán preferencia, reservándose o 25% das prazas para homes agás no bloque “Súmate ó cambio” no que a participación pode ser mixta xa que se cubrirán as prazas ó 50%. Neste bloque de “Súmate ó cambio” a distribución das prazas é o 50% para impulsar a participación activa e conxunta de mulleres e homes nas cuestións que se desenvolven no ámbito privado.

También te puede interesar