Vigo al minuto

A responsable da Unidade de Patoloxía de Mama da Sanidade Pública de Vigo, premiada polo seu traballo

A doutora Rosa Mallo co seu premio
A doutora Rosa Mallo co seu premio

A Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (ADICAM) outorgou o seu premio anual de 2015 á doutora do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi ) Rosa Mallo Alonso, como recoñecemento a súa vinculación á investigación, a súa excelente atención ás pacientes e a súa preocupación constante cara ás enfermas, segundo explicou a coordinadora da asociación e psicóloga do centro, Loli González.

A representante da asociación destacou, ademais, a colaboración da doutora Rosa Mallo coa asociación. “Tanto ela como nós queremos que a Unidade de Mama funcione cada vez mellor e redunde en beneficio dos pacientes”.

Rosa Mallo subliñou a importancia deste premio, “porque o concede unha asociación que se dedica a tratar coas pacientes de forma directa; as súas suxestións e tamén as críticas sérvennos para avanzar na unidade, polo que procuramos manter unha boa relación con todas elas”.

A doutora Mallo salientou o traballo en equipo da Unidade de Patoloxía de Mama para “resolver os casos que nos chegan” e fixo especial énfase en que “grazas ao traballo de todos o índice mortalidade disminuíu nos últimos tempos”.

Vía rápida de atención, cunha media de espera de cinco días

A Unidade de Patoloxía de Mama, ademais do contacto coas asociacións e colectivos de afectadas, realiza tamén visitas periódicas aos centros de saúde, “a fin de comprobar se se está respondendo as necesidades da poboación”, dixo Rosa Mallo.

A Unidade dispón dunha “vía rápida” para casos de carcinoma de mama, que mantén unha espera de resposta media de 4 ou 5 días. No último ano atendéronse por esa via 3.065 casos. Deles, 2.145 procedían de consultas de Atención Primaria; 551 do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama; e 360 procedían da atención hospitalaria.

Ademais, subliñou a importancia de que a Unidade sexa multidisciplinar, é dicir que integre a profesionais sanitarios de distintas categorías e especialidades. Como exemplo citou o funcionamento de Comité de Patoloxía de Mama, que se reúne semanalmente e que está integrado por radiólogos, cirurxiáns, xinecólogos, patólogos, oncólogos e enfermeiras.

“En cada reunión semanal debátense os casos de forma individual, tanto antes do tratamento (cirurxía ou radioterapia) como despois de realizado o primeiro deses tratamentos”, explicou Rosa Mallo, que destacou tamén as sesións formativas que se realizan na Unidade, “para actualizar os protocolos de actuación no complexo hospitalario”.

No último ano, a Unidade realizou 10.105 mamografías, 6.883 ecografías de mama e 1.014 biopsias guiadas por imaxe. A estas cifras hai que engadir 7.099 consultas médicas e 3.978 consultas de enfermería.

300 intervencións cirúrxicas

O número de intervencións cirúrxicas ascendeu a 297 (das que dos eran homes) ”nunha maioría dos casos, os cirurxiáns -cando é necesaria esta opción- realizan a reconstrución de mama de forma inmediata”. Ademais, para mulleres novas ofértase a posibilidade de que poidan conxelar os seus óvulos por si desexan concibir con posterioridade.

A Unidade de Patoloxía de Mama dispón tamén dun comité de asesoramento de riscos para pacientes con antecedentes familiares de cancro de mama, “por se houbese prevaleza; mesmo se chegan a realizar estudos xenéticos se están indicados nalgún caso”, relatou Rosa Mallo. De feito realizáronse 4 cirurxías redutoras de risco en pacientes con alta porcentaxe de cancro de mama por alteracións xenéticas.

“Por iso é bo que a poboación coñeza todo o que se fai na Unidade e una das mellores formas é colaborar e estar en contacto coas asociacións de pacientes e diagnosticadas”, manifestou a doutora Mallo.

También te puede interesar