
A Oficina de Dereitos Sociais de Coia, lembra que o pasado 13 de maio de 2015 o Concello publicaba a convocatoria do «Programa municipal de axudas extraordinarias a familias para gastos de aloxamento, subministros e alimentación 2015», o coñecido como «cheque social».
O Concello tiña un prazo de tres meses para resolver as 2.800 solicitudes que se fixeron nesta convocatoria. Dito prazo rematou o 9 de setembro, e, «como sucedeu nas anteriores convocatorias e pasado máis dun mes», aínda non foron concedidas as axudas. «O máis grave é que desde o Departamento de Benestar Social din que a demora será, como mínimo, dun mes máis».
A Oficina salienta que, como xa denunciara no seu día, «estas axudas constitúen a resposta precaria e miserenta do Concello de Vigo ante o empobrecemento brutal que está a padecer a cidadanía, por resultar un programa totalmente insuficiente e inxusto, non só pola insultante escaseza da contía orzamentaria, senón tamén polo seu carácter eminentemente restritivo».
Para esta asociación,»non contento con perpetuar esta caridade institucional á que nos ten acostumadas, o goberno local permítese ter agardando a miles de familias na incerteza e na precariedade», demorando meses a concesión dunhas axudas mínimas e insuficientes.
Ao seu xuizo, mentres concesionarias privadas enchen os petos coa xestión dos servizos sociais municipais «para nós queda aturar a cantinela de que non hai cartos» para dotar ao departamento, o cal «non é quen de dar curso aos expedientes atascados na tramitación por falla de recursos».
«Estamos fartos da propaganda do Alcalde que mente e manipula as cifras sen amosar un mínimo de rubor antes as carencias que padecen moitas veciñas», indican e, fronte a isto, esixen medidas que desborden o sistema. «Esiximos, e traballamos, pola Renda Básica das iguais e por moitísimo máis». A Oficina de Dereitos Sociais de Coia asegura que estas políticas o único que procuran é «maquillar a crúa realidade, perpetuar a desigualdade e a inxustiza, desmobilizarnos e confundirnos dos vieiros que debemos camiñar para parir unha vida digna e plena».