Vigo al minuto

A viguesa Ledicia Costas galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil

Ledicia CostasA escritora viguesa Ledicia Costas acaba de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil pola súa novela ‘Escarlatina. A cociñeira defunta’. Esta novela, publicada por Xerais ao gañar o Premio Merlín de Literatura Infantil 2014, recibiu xa outros importantes recoñecementos como a súa inclusión na Lista de Honra do IBBY, o Premio Xosé Neira Vilas ao Mellor libro Infantil e Xuvenil da Asociación Galega de Editores os Premios Fervenzas Literarias (votados polos internautas) ao Mellor libro infantil e Mellor portada de LIX  (Víctor Rivas).

‘Escarlatina. A cociñeira defunta’ leva vendidos nestes momentos 8.500 exemplares, un ano despois da súa publicación e está reimprimíndose a 5ª edición.

Este importante Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil únese aos xa conseguidos por Agustín Fernández Paz (O único que queda é o amor, Xerais, 2008), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lúa, 1996), Xabier P. DoCampo (Cando petan na porta pola noite, Xerais 1995), Paco Martín (Das cousas de Ramón Lamote, 1986).

‘Escarlatina. A cociñeira’ defunta narra o que lle sucede ao neno Román Casas, que quería ser un auténtico chef, así que lle pediu aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincidía co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña.

También te puede interesar