Ciencia y Tecnología Vigo al día

Convocada unha nova edición do programa educativo do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas

CíesA Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación, vén de convocar o programa educativo do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Dende o Goberno de Galicia, enviouse unha carta aos colexios da comarca de Vigo para que teñan coñecemento do inicio das actividades, polo que calquera centro interesado poderá solicitar mais información no enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 886 21 80 90

Tras a creación do Parque Nacional, véñense organizando distintas actividades co fin de achegar este espazo aos cidadáns. Así, despois da apertura do centro de visitantes do parque, no Edificio Cambón de Vigo no mes de decembro de 2012, o Parque Nacional elaborou novos programas educativo para os distintos ciclos formativos: para educación infantil, secundaria e Bacharelato.

Un ano máis invítanse aos centros de Educación de Infantil, Primaria e Secundaria dos concellos que se sitúan na ribeira das tres rías nas que están as illas do Parque Nacional a participar nas actividades educativas no Centro de Visitantes. Os grupos deben ser dun máximo de 50 rapaces e o horario preferente para a súa atención, previa cita, é de 9 e media da mañá a 12, de martes a venres.

As actividades educativas están adaptadas os distintos grupos de idade: Infantil, actividades específicas de visita ao centro, baseada en xogos e contacontos, onde por medio de busca de tesouros e co relato de historias, váiselles explicando as personaxes que viviron na illa e tamén as principais especies animais e vexetais que nelas habitan.

Primaria: para os máis pequenos de educación primaria (de 1º a 4º), a través de distintos xogos e dinámicas, que se levan a cabo nas distintas plantas do Centro de Visitantes, e empregando os recursos que ten o centro, e combinando os xogos con presentacións por parte dos guías, vanse descubrindo os valores do Parque Nacional. Os nenos de 5º e 6º curso, ademais de realizar a actividade no Centro teñen a opción de participar no concurso “Rumbo ás illas”. O premio para os gañadores consiste nunha viaxe ás illas para todo o curso da aula gañadora, cunha actividade guiada pola illa.

Secundaria e Bacharelato: Está deseñada unha actividade específica moi participativa, onde aos alumnos se lles presentan o Parque Nacional, dentro do contexto da Rede de Parques, e se fai unha ruta guiada, onde os alumnos deben ir reflectindo nunha ficha, e mediante traballo en grupo, as distintas conclusións ás que van chegando.

Comunidade educativa superior: a atención a estes grupos baséase nunha presentación do Parque e da Rede de Parque e nunha visita guiada polo centro. Segundo as súa formación e interese durante a visita, adaptábase os contidos do discurso ás súas demandas.

También te puede interesar