Galicia

O presidente do Goberno de Galicia cede e recibe aos gandeiros leiteiros que paralizan Compostela e Lugo

O presidente cos gandeiros
O presidente cos gandeiros

Logo de dous días dos tractores rodeando Compostela e paralizando Lugo, o presidente do Goberno de Galicia acedeu a entrevistarse este mércores cos gandeiros. Alberto Núñez Feijóo, segundo indica o servizo de comunicación do Goberno, transmitiulles o seu apoio e o do Executivo para que se adopten todas as medidas que permita a lexislación e que poidan servir para mellorar a difícil situación que atravesa actualmente o sector.

O presidente Feijóo subliñou coincide tanto co diagnóstico que fai o sector dos problemas que está a sufrir como na necesidade de chegar a un acordo para poder afrontalos na reunión que mañá terá lugar no Ministerio de Agricultura, e á que asistirán tanto representantes dos produtores lácteos como da industria e da distribución.

O presidente lembrou que o Goberno de Galicia coincide cos gandeiros en que moitas explotacións están a sufrir importantes dificultades para poder producir no contexto actual, así como en que os gandeiros non poden soportar de xeito exclusivo a baixada de prezos que se rexistra a nivel internacional.

Por iso, asegurou que o encontro, que cualificou de “cordial”, serviu tamén para constatar a coincidencia de que a reunión prevista mañá en Madrid debería servir para concretar un acordo que inclúa “todas as medidas que se poidan legalmente” para afrontar a situación.

O xefe do executivo galego amosouse convencido de que a postura do Goberno central de cara ao encontro de mañá é a de facilitar que se adopten todas as decisións que sexan posibles dentro do marco legal vixente na Unión Europea.

Finalmente, trasladou a dispoñibilidade permanente do seu goberno para volver reunirse cos produtores no caso de que mañá se produza un acordo, de cara a facer unha valoración conxunta do contido e alcance do mesmo.

Neste sentido, o presidente salientou que “a postura do Goberno galego sempre foi a de estar a carón do sector lácteo, con cuxos representantes tanto a conselleira de Medio Rural como eu nos reunimos en múltiples ocasións, a última o pasado 5 de agosto”.

También te puede interesar