Cultura Vigo al minuto

Dous voluntarios do Parque Nacional das Illas Atlánticas participarán no “Youth Internacional Camp”

Illas AtlánticasA Consellería de Medio Ambiente participará dende o 31 de agosto ata o 5 de setembro no encontro internacional de voluntariado celebrado no Perineo leridano, no Parque Nacional de Aigüestortes e Estany de Sant Maurici. Para isto enviará a dúas persoas que formaron parte do programa de voluntarios do Parque Nacional das Illas Atlánticas, concretamente a un enxeñeiro de telecomunicacións de Pontedeume e a unha bióloga de Redondela.

O encontro xuvenil (Youth International Camp), organizado pola Federación EUROPARC, ten como obxectivo crear unha rede de apoio e relación entre as diferentes áreas protexidas, fomentar a cooperación nos campos da formación, dar información e prestar servizos ás institucións públicas no ámbito da mellora das áreas protexidas.

Nel reuniranse a 30 mozos que se encargarán de representar as diferentes áreas protexidas de toda Europa. Na xuntanza atoparán unha ocasión excepcional para potenciar as súas habilidades e o seu compromiso, podéndose converter así nos embaixadores dos diferentes ámbitos naturais. Os participantes vivirán numerosas experiencias coas que se poderán embarcar de maneira conxunta cara unha viaxe ao futuro da natureza, aprendendo de paso as habilidades de liderado e técnicas de comunicación grazas á coordinación dunha rede de expertos de parques europeos.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas aportará a súa experiencia a través dos dous voluntarios que envía. Estes dispoñen de grandes coñecementos acerca do trato e das tarefas que se desenvolven nos espazos protexidos. Ademais levan inculcado, grazas aos cursos de voluntariado financiados pola Xunta que se realizan habitualmente neste entorno, a dedicación, o esmero e a custodia que deben recibir estes lugares para asegurar a súa conservación e mantemento. Lugares que dispoñen de gran interese desde o punto de vista medioambiental debido á súa riqueza ecolóxica e a diversidade de escenarios que dan cabida a un alto número de especies.

De maneira concreta, as actividades que efectúa o persoal de voluntariado nas Illas Atlánticas engloban a limpeza de praias, a extracción do lixo, a retirada das especies invasoras como a acacia e a robinia e o seguimento da abundancia da fauna (bolboretas, lagartos, coellos). Tamén divulgan os valores do parque, facilítanlle asistencia ás persoas con diversidade funcional e participan nos labores informativos e de asistencia aos visitantes aos que se lles dan indicacións básicas e se lles proporciona folletos explicativos. No tocante ás tarefas de información, os voluntarios traballan nas illas supervisados polos guías do parque.

A selección dos voluntarios asistentes ao Youth International Camp realizouse en base a un proceso no cal a Subdirección Xeral de Voluntariado e Participación da Consellería de Traballo e Benestar lle proporcionou ao Parque Nacional das Illas Atlánticas unha lista de persoas que cumprisen os requisitos mínimos: idade entre 18 e 25 anos, coñecemento de inglés, dispoñibilidade para as datas de encontro, interese na actividade e participación no voluntariado das Illas Atlánticas. Unha vez que se obtivo esta listaxe, o parque seleccionou as dúas persoas co maior nivel de inglés e coa maior experiencia en voluntariado.

Te podría interesar