Vigo al minuto

Caballero afirma que Air France ten intención de restablecer a ruta a París dende primaveira

Air-FranceO alcalde recibiu esta mañá no Concello ó director xeral de Air France, Bruno Georgelin, que comunicou a intención da compañía de reanudar a ruta que une Vigo-París na próxima primavera. Segundo explicou Abel Caballero, a aeroliña francesa está realizando as xestións oportunas para que Vigo sexa, no curto prazo,  unha ruta estable dentro do seu plan de empresa.

Para o alcalde, “o voo Vigo -París é un grande obxectivo” polo que implica na relación directa entre as dúas cidades, sendo Vigo a urbe na que PSA Peugeot Citroën ten a súa principal factoría e “estaremos expectantes para que esta posibilidade saia adiante”.

A perda da ruta diaria con París estivo marcada, para Caballero, pola situación de competencia desleal dun voo dende Santiago e de voos dende Oporto á capital francesa que reciben “axudas ilegais”. Agora, sinalou, que estamos ante a posiblidade de que restableza a liña, no mes de marzo ou abril, para continuala de forma ininterrompida porque o planteamento de Air France é reabrir o voo Vigo-París non de forma puntual senón a longo prazo.

O alcalde amosouse convencido da capacidade da cidade para xerar transbordos no aeroporto parisino Charles de Gaulle e expresou o seu desexo de que Vigo e París sigan unidos por esta ruta, que dá a opción de voar dende Vigo, a través de París, a calquera cidade do mundo.

También te puede interesar