Vigo al minuto

Os sindicatos denuncian que Caballero incumple a súa palabra de subrogar na nova empresa ás traballadoras das Escolas Infantís

Abel Caballero/Tresyuno Comunicación
Abel Caballero/Tresyuno Comunicación

Nunha nota representantes sindicais lembran que o día 27 de abril de 2015 foi presentada polo BNG, a petición de CCOO e CIG, unha moción, no Pleno do Concello, que tiña como finalidade garantir a estabilidade laboral das máis de 70 traballadoras das Escolas Infantís Municipais (EIM). Pedíase que a corporación aprobase incluír nos pregos de condicións a referencia explícita a subrogación de todas as traballadoras para que, fose cal fose a empresa que gañase o concurso, as traballadoras, (que levan máis de 6 anos traballando nestas escolas) puidesen seguir desenvolvendo o seu traballo. A moción foi aprobada por unanimidade. Posteriormente o alcalde, en declaracións aos medios de comunicación e na reunión mantida con todas as traballadoras, confirmou a inclusión nos pregos de contratación de mencionada esixencia de subrogación.

Acaba de saír a convocatoria pública para a xestión de tres desas escolas e “comprobamos con preocupación e decepción que no prego de condicións do concurso non se inclúe referencia expresa á subrogación tal como se acordara no Pleno”.

Segundo os representantes dos traballadores, o goberno local “ampárase en consideracións legais que foron refutadas por informes xurídicos presentados polas organizacións sindicais CCOO e CIG” e lembran que, tamén contradín esa interpretación as decisións que outros concellos de Galicia e do estado adoitan en casos similares, e existen sentenzas dos tribunais que avalan a inclusión da cláusula de subrogación neste tipo de concursos nos que claramente se produce unha sucesión de empresas”.

Os representantes da plantilla subliñan que “esta resistencia do goberno municipal non se xustifica”, máxime cando “as partes negociadoras do convenio aprobaron o pasado día 13 de maio de 2015 unha modificación do convenio sectorial que amplía e concreta o artigo 26 que regula a subrogación e que foi publicada no BOE o día 19 de xuño 2015 e que o Concello ignora malia ser informado desa circunstancia”.

Esta decisión, entre outras consecuencias, supón “abocar ás traballadoras a unha situación de inestabilidade laboral, angustia emocional e xerar un conflito innecesario”. Os traballadores critican que Abel Caballero manifeste “nula sensibilidade coas condicións laborais das traballadoras que de empresas financiadas esencialmente con fondos públicos” que ademais son, na súa inmensa maioría, “cidadáns de Vigo e profesionais de demostrada competencia”.

As organizacións sindicais aseguran que mantiveron durante moito tempo entrevistas cos técnicos e responsables municipais na procura dunha solución a este problema pero, en contra do que parecía, “o Concello segue enrocado en posición inflexibles”.

Polo tanto, advirten, “o goberno local e as empresas que se presentan ao concurso deben ter presente que as organizacións sindicais chegaremos ata o final para facer cumprir a lei e garantir que as traballadoras sexan subrogadas á empresa que se faga coa concesión respectando todos os seus dereitos”, que non son outros que os recollidos no XI convenio de educación infantil e as melloras que se teñan producido.

“Lamentariamos que a solución pase por un conflito no que toda as partes van verse afectadas innecesariamente”, continúan, antes de sinalar que confían en que o alcalde rectifique, antes da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ou no Diario Oficial de Galicia (DOG) , asuma a decisión do Pleno e comunique formalmente ás empresas que participan no concurso de que están obrigadas a subrogar a todas as traballadoras nas súas condición laborais actuais.

También te puede interesar