Galicia

O Goberno de Galicia mantén a recomendación de non consumir auga da billa nos concellos de Ferrolterra

BillaA xefatura territorial da Consellería de Sanidade de A Coruña, logo de recibiren onte pola tarde os resultados das análises realizadas polo Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, informa de que non pode levantar a recomendación de non consumir auga da billa nos concellos de Ferrolterra afectados por un problema na auga da traída.

“Dado que estes resultados oscilan entre 120 e 136 microgramos/litro de Trihalometanos, cando o máximo permitido é 100”, Sanidade sinala, nunha nota, que mantén a recomendación de non consumir agua para a súa inxesta nin o seu uso en preparación de alimentos, posto que as analíticas confirman que segue sen ser apta para o consumo.

Está previsto que hoxe sábado se realice unha nova analítica nos concellos afectados, que lembramos son Ferrol, Fene, Narón, Mugardos e Ares.

A Consellería de Sanidade quere “mandar unha mensaxe de tranquilidade” á cidadanía dos concellos da área de Ferrol que estes días están a verse afectados por un problema na auga da traída. Os responsables sanitarios subliñan que “trátase dunha alteración puntual de poucos días, que non ten repercusións inmediatas para a saúde, posto que, a substancia atopada na auga en porcentaxes superiores aos permitidos legalmente, non pode producir efectos nocivos en tomas que non superen hábitos continuados a moi longo prazo, de anos”.

Asimesmo, o Goberno de Galicia engade que está a total disposición dos concellos de Ferrolterra afectados para axudarlles a atallar o antes posible este problema, tanto a través de Augas de Galicia como da Consellería de Sanidade.

También te puede interesar