Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Os hospitais públicos de Vigo, pioneiros nunha nova técnica de implantación de prótese de aorta abdominal

Equipo da Unidade de Radioloxía Intervencionista
Equipo da Unidade de Radioloxía Intervencionista

A Unidade de Radioloxía Intervencionista do Servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo é un dos primeiros hospitais do Estado no emprego dunha nova técnica na implantación de próteses de aorta abdominal para o tratamento dos aneurismas de abdome.

A técnica Nellix consiste nun procedemento baseado na introdución dunha próteses de aorta abdominal en combinación coa inxección dun líquido que rechea o saco do aneurisma, que o desvitaliza e exclúe da circulación. Segundo explica o xefe da Unidade de Radioloxía Intervencionista e Neurorradioloxía, Moisés Casal –“trátase dun procedemento máis seguro e definitivo, xa que coas outras técnicas existe entre un 15 e 20 % de probabilidades de que o saco do aneurisma volva a encherse e xerar complicacións, mentres que a Nellix elimina completamente o aneurisma e o risco de futuras complicacións. Ademais supón un aforro a longo prazo xa que require moitos menos controis evolutivos que as técnicas actuais”-.

Polo de agora levan empregada esta técnica a 6 pacientes con aneurisma abdominal e os resultados foron completamente satisfactorios.
Trátase dun procedemento máis complexo e que require un certo grao de adestramento por parte dos radiólogos intervencionistas xa que – “a diferenza doutros procedementos, no tratamento endovascular do aneurisma de aorta, o radiólogo intervencionista ten que realizar unha análise e deseño personalizado da intervención, xa que cada anatomía é diferente e hai que medir lonxitudes, diámetros, ángulos, ecétera, polo que esta actuación esixe gran precisión”– afirma Casal.

Próteses de aorta sen cirurxía
Ademais desta técnica innovadora, a Unidade de Radioloxía Intervencionista está implantando de xeito rutinario ás próteses de aorta abdominal a través dun procedemento sen cirurxía, con técnica percutánea e con alta précoz.

O doutor Moises Casal asegura que-“o feito de implantar unha próteses sen cirurxía, con técnica percutánea e con anestesia epidural, representa un avance substancial ao pasar de realizar unha apertura cirúrxica das ingres ou abdome para colocar a próteses a unha mínima incisión na pel. Isto permite realizar esta intervención de xeito case ambulatorio, cunha hospitalización de curta estadía xa que en 18 horas o paciente está dado de alta”.
As últimas 30 próteses se implantaron con esta modalidade, cunha porcentaxe de éxito do cen por cento.

Técnicas non invasoras
Os aneurismas abdominais son dilatacións anómalas das arterias do abdome, e que ao romperse provocan hemorraxias abdominais. En xeral, é frecuente que os pacientes que sofren un aneurisma teñan un sangrado dado que os tecidos desa zoa quedan debilitados. Non é unha patoloxía de gran prevaleza, aínda que as consecuencias adoitan ser moi graves. Afecta máis aos homes que as mulleres nunha proporción de 80 fronte ao 20 %. Non adoita producir sintomatoloxía polo que o diagnóstico é de “xeito incidental”, tras ecografía, TAC ou resonancia.

Dependendo do diámetro do aneurisma, se valora o tratamento. A colocación dunha próteses se indica cando o risco de que o aneurisma rompa é maior que o inherente á propia intervención. Normalmente a partires dos 55 mm de diámetro. Se mide menos, se lle realiza control e seguimento .

Fronte a cirurxía convencional, que consiste en acceder á área afectada mediante o exterior abrindo o abdome e implantando unha prótese que exclúe o aneurisma, as técnicas percutáneas permiten que cunha incisión de 1 cm. na pel da ingre, os radiólogos intervencionistas poidan introducir pola arteria femoral uns catéteres e a través de imaxes radiolóxicas do paciente os guían polo interior dos vasos sanguíneos ata chegar a o aneurisma. Unha vez nel, a próteses, que vai comprimida, se expande e se pega a parede abdominal, producíndose o selado do aneurisma.

Deste xeito, a aorta queda reforzada cunha prótese mallada e o aneurisma queda excluído, polo que se evitan as hemorraxias e o risco de sangrado.
As vantaxes do procedemento percutáneo realizados nesta Unidade son evidentes xa que o ser un procedemento minimamente invasor leva consigo un menor índice de morbilidade e que o paciente careza da dor postoperatoria polo que son dados de alta ás poucas horas da súa intervención, podendo reincorporarse rapidamente á súa vida habitual. As 12 horas o paciente deambula, e ás 18 está xa na súa casa.

2.000 procedementos anuais
A Unidade de Radioloxía Intervencionista do CHUVI presenta uns altos índices de calidade polo que é unha das máis avanzadas do territorio do Estado, situándose a vanguardia no emprego de técnicas e procedementos máis innovadores.
Esta unidade realiza preto de 2.000 procedementos anuais, 1.600 intervencións xerais e máis de 300 neurorradiolóxicas. Entre os máis frecuentes hai que subliñar as embolizacións de miomas, tratamento do cáncer, e embolizacións de aneurismas intracranais.

También te puede interesar