Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O Sergas anuncia o traslado ao novo hospital de máis especialidades pero non explica porqué anuláronse citas que levaban fixadas varios meses

Oreste González, primeiro paciente do novo hospital /Tresyuno Comunicación
Oreste González, primeiro paciente do novo hospital /Tresyuno Comunicación

O vindeiro luns iniciarase no novo hospital a actividade de consultas de especialidades de Cirurxía xeral, Traumatoloxía, Dixestivo e Neurofisioloxía. Segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas), o feito de que o Álvaro Cunqueiro dispoña de mais locais de consultas e máis quirófanos,  “posibilitará a estes especialistas prestar atención ao redor de 10.0000 pacientes máis ao ano en consultas externas, e realizar preto dun millar de intervencións cirúrxicas máis”. 

Na nota do Sergas enviada aos medios de información non se fai referencia ás queixas de numerosos pacientes con cita aos que se anularon as devanditas consultas, algunhas delas tras 4 e 5 meses de espera, e que terán que iniciar, de novo, todo o proceso de petición da mesma co corresponde tempo de agarda.

O que sí subliña Sanidade é que, a partir do luns, este servizo unificará a actividade das consultas externas -actualmente dispersas entre o Hospital Xeral, o Hospital Meixoeiro e A Doblada- no Hospital Álvaro Cunqueiro. Ese mesmo día tamén iniciarán a súa actividade de consultas nas novas instalacións, as especialidades de Dixestivo, Neurofisioloxía e Traumatoloxía. Ademais, se traslada a Unidade de Diálises do Hospital Xeral, que se integrará coa Unidade de Diálise do Meixoeiro -xa emprazada alí desde o día 29 de xuño-.

O novo hospital de Vigo atenderá o luns a 584 pacientes das consultas externas daquelas especialidades que xa están pasando consulta nas novas dependencias. Estas consultas están emprazadas no bloque ambulatorio, na planta -1 do hospital. En total, ao longo da próxima semana hai citados 2.707 pacientes, que xa acudirán a este hospital para recibir atención especializada.

O próximo 13 de xullo se incorporarán ao Álvaro Cunqueiro 55 traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, de tódalas categorías profesionais: 12 facultativos, 37 profesionais sanitarios (enfermerías e Técnicos) e o resto, traballadores do cadro de persoal non sanitario.

Trátase da primeira fase do traslado destes servizos, que inician  a súa actividade asistencial nas consultas externas e que, tal e como establece o cronograma previsto, nas vindeiras semanas irase completando coa atención á hospitalización e posteriormente ás Urxencias.

También te puede interesar