RGPD - Cookies
Cultura

A declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte, inclue a 17 concellos de Lugo, as súas dúas catedrais e, de novo, á Muralla

A Muralla de Lugo xa é dúas veces patrimonio
A Muralla de Lugo xa é dúas veces patrimonio

Este domingo pola tarde, no World Conference Center de Bonn, no marco da 39ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial, os Camiños do Norte veñen de ser incluídos na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Este novo galardón sitúa a Galicia con cinco bens patrimonio da humanidade e ao Estado con 45 bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial. O terceiro país con máis bens declarados só por detrás de Italia e China.

A inserción na Lista da UNESCO abarca a inclusión nominal dun total de dezaseis monumentos da máxima relevancia e valor cultural. Un recoñecemento destas rutas do Norte que conducen a Compostela desde o século IX até o presente.

En concreto por Galicia transitan dúas das catro rutas: o Camiño da Costa, que comunica a cornixa Cantábrica con Compostela, e o Camiño Primitivo. Ademais, abarca singularmente catro monumentos: a Muralla e a Catedral lucenses, a Catedral mindoniense e o Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

O Camiño do Norte, procedente de Asturias, ten dúas variantes, a coñecida como ruta da Costa e a ruta do Interior, que é a que se corresponde co Camiño Primitivo ou Camiño de Ovedo. O trazado deste camiño, ao seu paso por Galicia, discorre por un total de 9 concellos: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol, Palas de Rei, -estos seis na provincia de Lugo-Toques e Melide, onde finalmente entronca coa ruta principal do Camiño de Santiago: o Camiño Francés.

Pola súa banda, o Camiño da Costa discorre por un total de 16 concellos, en contreto falamos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Friol, Sobrado-11 lucenses-, Vilasantar, Boimorto, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela, onde entronca co Camiño Francés á altura da cabeceira do aeroporto de Lavacolla.

Galicia incrementa así a súa nómina de declaracións, que até o día de hoxe incluía xa á Cidade vella de Compostela, elixida en 1985; o Camiño de Santiago Francés, inscrito en 1993; a Muralla romana de Lugo recoñecida no 2000; e a Torre de Hércules, que alcanzou a súa inclusión en 2009.

O proceso perante a UNESCO comezou coa inclusión dos Camiños do Norte na Lista indicativa nacional no ano 2007. A partir de aquí as devanditas comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e La Rioja, así como o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, elaboraron conxuntamente a candidatura, que abrangue, entre outros aspectos, a redacción dun expediente exhaustivo, os procesos de delimitación e protección e o sometemento a diversos informes e supervisións tanto da propia UNESCO como do ICOMOS como principal órgano asesor técnico nesta materia, algúns con visitas in situ.

También te puede interesar