Cultura Vigo al día

O fotógrafo vigués Felipe Carnotto, estará todo o mes en Nicaragua traballando para o Fondo Galego de Cooperación

Felipe Carnotto e a técnica Andrea García, tamén viguesa, flanquean á directora do Inprhu-Somoto, Gladys Cáceres
Felipe Carnotto e a técnica Andrea García, tamén viguesa, flanquean á directora do Inprhu-Somoto, Gladys Cáceres

O noso compañeiro, o fotógrafo Felipe Carnotto, áchase dende comezos deste mes e ata xullo en Nicaragua retratando a vida no país e os proxectos alí apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para preparar unha exposición que logo xirará por concellos de toda Galicia. A viaxe forma parte do premio da segunda edición de Imaxes con Fondo, certame que o fotoxornalista vigués gañou o pasado ano.

Foto: www.felipecarnotto.com/blog
Foto: www.felipecarnotto.com/blog

Desde que a comezos de xuño iniciara o seu periplo, Felipe está a visitar distintas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2003 en materia de turismo sostible, autoconstrución de vivendas, formación agropecuaria, abastecemento de auga ou empoderamento das mulleres. Nos primeiros días, coincidiu en terreo coa técnica de proxectos do Fondo Galego, a tamén viguesa Andrea García Corzo, que durante dúas semanas supervisou os resultados das intervencións realizadas entre 2011 e 2015.

A asociación municipalista desenvolveu ata o momento un total de 17 proxectos co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local, algúns deles con achegas extraordinarias de entidades socias coma o Concello de Vigo e mesmo da Consellería de Vivenda. No entanto, desde 1998 o Fondo Galego ten apoiado unha trintena de actuacións no país centroamericano que suman preto de un millón de euros de investimento, moitas delas en colaboración con ONGD galegas.

Foto:www.felipecarnotto.com/blog
Foto:www.felipecarnotto.com/blog

Na actualidade, estase a executar unha intervención con Amigos da Terra para facilitar o acceso á auga a 178 familias empobrecidas e outra con Taller de Solidaridad a prol do turismo rural comunitario. O obxectivo de Felipe Carnotto recollerá estes e outros proxectos, así como actividades culturais, espazos naturais, xuntanzas con mocidade, etc.

A andaina deste excelente fotoxornalista, que conta con distintos galardóns e ten publicado en xornais como Der Spiegel, Financial Times ou The Guardian…e vigoalminuto, pode seguirse na bitácora www.felipecarnotto.com/blog.

También te puede interesar