Galicia

Este luns, ábrese o prazo para que 500 mozos e mozas realicen prácticas formativas en 31 países europeos

En claseO Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este luns, 15 de xuño, a orde que regula o Programa de mobilidade transnacional xuvenil ‘Galeuropa’ con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e a súa convocatoria para o ano 2015.

A orde, dotada con preto dun millón de euros, enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo e ten por obxecto a concesión de axudas para proxectos neste eido dirixidos a mozos e mozas menores de 25 anos, ou de menos de 30 se teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. O obxectivo é a realización de prácticas formativas non remuneradas en entidades ou empresas públicas ou privadas de 31 países europeos.

Esta convocatoria, que prevé beneficiar este ano a 500 mozos e mozas galegos, responde ao traballo en rede de distintas entidades de países europeos e está liderada polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña. Poderán realizarse nos seguintes países: Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, Turquía, R. Checa, Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica, Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, Países Baixos, Italia, Polonia, Francia, Islandia, Suecia, Finlandia, Liechtenstein, Irlanda, Reino Unido, Dinamarca e Noruega.

Segundo o Goberno de Galicia, “preténdese promover e axudar a financiar á mobilidade da mocidade galega, ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas participantes ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades no eido da xuventude e concellos”.

O prazo de solicitudes será dun mes, desde o martes. A duración das prácticas formativas será de dous meses consecutivos, no caso de axudas individuais a mozos e mozas; e mínimo de dous meses e máximo de tres meses consecutivos para axudas a proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro e por entidades locais ou agrupacións de entidades locais, sempre antes do 30 de novembro de este ano.

También te puede interesar