Campaña da CIG para informar das “consecuencias” do pacto entre CCOO, UGT e a Patronal

Toxo-y-MéndezA Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de iniciar unha campaña nacional nas empresas para informar os traballadores sobre as principais consecuencias que terá o último pacto asinado polos sindicatos CCOO e UGT e a patronal española. Dende a central nacionalista denuncian que o acordo en materia de emprego e negociación colectiva afonda no empobrecemento da clase obreira.

Segundo explican dende a CIG, o contido e os beneficiarios deste novo pacto social quedan perfectamente definidos coa frase que utilizou o secretario xeral da UGT na súa presentación pública: “Al final tocamos todos la misma melodía”. “Efectivamente, unha vez máis estas dúas centrais terminan tocando a melodía que lles impón a patronal”, critican dende o sindicato nacionalista.

Deste xeito, a central galega considera necesario realizar unha labor de información pública sobre as consecuencias que o acordo vai ter para as condicións laborais e sociais da clase traballadora. Para isto, distribuirá cartaces e follas explicativas entre os empregados das principais compañías do país.

Entre os principais aspectos negativos do pacto, sinalan en primeiro lugar o acordado en materia de incrementos salariais. “Acéptase a postura da patronal, e do Goberno do PP, e decrétase a moderación salarial fixando un tope máximo de incremento do 1% para o ano 2015 e de 1,5% para 2016″.

No caso de que o IPC acumulado dos dous primeiros anos supere o 2,5%, funcionaría unha cláusula de garantía salarial que sería proporcional ao incremento pactado inicialmente, o que supón que canto menor sexa o incremento pactado menor será a porcentaxe de revisión dos salarios, o que para a CIG é “un auténtico despropósito”.

En canto á xornada de traballo, censuran que se facilite a implantación dunha ordenación flexíbel e irregular do tempo e da xornada, pola vía de aceptar que a patronal poida dispor libremente da distribución irregular do 10% da xornada anual ordinaria e mesmo dunha bolsa de horas anual para a súa libre utilización.

Outro dos aspectos negativos ten que ver coa flexibilidade das condicións laborais: acéptanse e dáselles carta de normalidade aos mecanismos impostos polas sucesivas reformas laborais referidos a temas como inaplicación dos convenios, mobilidade funcional, modificación substancial das condicións de traballo, distribución irregular da xornada, etc.

No que respecta á incapacidade laboral e ao absentismo, patronal e sindicatos estatais pactaron a necesidade de establecer mecanismos de xestión e control das baixas por IT, vinculando a “racionalización” dos actuais complementos de baixa por enfermidade ou accidente a este tema, “o que indica que queren endurecer as condicións para poder acceder a estes complementos”.

También te puede interesar