Galicia

A Fiscalía pide o procesamento da deputada popular Marisol Piñeiro por prevaricación

María Soledad PiñeiroA Fiscalía Superior de Galicia considera que hai elementos para procesar a deputada do PP no Parlamento de Galicia, Marisol Piñeiro. O ministerio público considera que incurriu no delito de prevaricación en relación a un suposto enchufe durante a súa xestión como tenente de alcalde do concello de Carnota.

“O procesamento debería de concretarse nos feitos relativos á contratación sen ningún tipo de formalidade nin axuste á legalidade”, sostén o fiscal no escrito para pedir que se dite auto de procesamento contra ela e engade que a persoa supostamente ‘enchufada’ foi contratada en 2007 como administrativa e, tras dúas prórrogas, asinou un contrato indefinido en 2010 como técnico xurídico urbanístico “sen cumprir ningún trámite procedimental legal”.

Ademáis de Marisol Piñeiro, o fiscal pide que tamén se procese José Oreiro, alcalde de Carnota cando Piñeiro era a tenente de alcalde. A Fiscalía sinala que Oreiro asinou as sucesivas prórrogas do contrato e deu “instrucións precisas” para levar a cabo a contratación desa muller.

O fiscal engade no seu escrito a conveniencia de que se impoñan medidas preventivas “para atender as responsabilidades civís derivadas do procedemento” e pide o ex alcalde e para Marisol Piñeiro, fianzas de 10.000 €.

También te puede interesar