Galicia

O DOGA publica a convocatoria de 15 prazas de bolseiros nas residencias dependentes de Xuventude

AltamarO Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria para o curso 2015-2016 de 15 prazas de colaboradores-bolseiros nas residencia xuvenís que dependen da Consellería de Traballo e Benestar: 4 prazas no centro residencial Lug, de Lugo; 5 na residencia Florentino López Cuevillas, de Ourense; e 6 na Altamar, en Vigo.

Segundo indica o Goberno de Galicia nun comunicado, os seus beneficiarios contarán con aloxamento e manutención gratuítos a cambio de desenvolver labores de dinamización xuvenil. Os participantes, que contarán cun titor, realizarán traballos de dinamización, incluídas actividades de información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras.

O prazo para solicitar praza esténdese un mes a partir do día seguinte á súa publicación no DOG. Ademais da inscrición, os interesados deberán presentar un proxecto de actividades que se pretenda desenvolver na residencia, así como presentarse a unha entrevista persoal.

Para a adxudicación, valorarase a calidade do proxecto presentado, a renda media da unidade familiar, o rendemento académico e a condición de desempregado sen prestación económica do pai, nai ou titor, así como outros aspectos.

Os destinatarios deberán ter entre 18 e 30 anos e cursar estudios universitarios nunha facultade ou escola, estudios superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior que admitan a formación e práctica a través das tarefas que se poidan desenvolver na residencia xuvenil.

También te puede interesar