Comarcas

As rías de Ares e Betanzos, pechadas dende este luns pola tarde logo da chegada da marea vermella

BateasA marea vermella alcanzou as rías de Ares e Betanzos e obrigou a pechar, este luns pola tarde, á extracción os dous polígonos de bateas de mexillón existentes en Sada, seguindo as indicacións do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar). Os especialistas atoparon toxina paralizante dos moluscos (PSP) nestes polígonos de Sada, que permanecían abertos dende outubro de 2014.

As rías de Ares e Betanzos eran as únicas nas que ningún dos seus polígonos estaba afectado polo peche de bateas, posto que a extracción segue prohibida na totalidade dos dispostos nas de Baiona, Pontevedra, Muros-Noia e Corme-Laxe. En Vigo tamén están clausurados todos menos un (aberto o 17 de abril), e na ría de Arousa hai catro polígonos nos que non se pode extraer (tres deles decretados o pasado sábado).

A coñecida como ‘marea vermella’ é habitual nas rías galegas coa chegada da primavera e consiste na presenza de biotoxinas na auga que levan consigo o impedimento da extracción do produto para o seu consumo.

También te puede interesar