Vigo al minuto

O candidato do BNG á Alcaldía, Serafín Otero, aposta por “destinar recursos a eliminar a pobreza e a exclusión social”

Os candidatos do BNG ás vindeiras Eleccións Municipais, en Vigo
Os candidatos do BNG ás vindeiras Eleccións Municipais, en Vigo

O candidato do BNG-Asambleas Abertas á Alcaldía de Vigo, anunciou este sábado a súa intención de “abrir un novo ciclo que acabe coa política de inauguracións para dar prioridade aos problemas reais da xente”. Para Serafín Otero, “é tempo de pechar en Vigo ás políticas de recorte impostas pola dereita” e, entre as principais propostas, sinala as de construír un concello “ao servizo da veciñanza”, destinar recursos a “eliminar a pobreza e a exclusión social” con medidas de inclusión como o autobús gratuíto, comedores escolares, facilitando o acceso á vivenda. Igualmente, Otero subliñou a aposta por unha fiscalidade progresiva, orzamentos participativos e potenciar o transporte público e intermodal.

O BNG quere que a “indignación social” se escoite nos plenos municipais, subliñou, “os problemas da xente por diante”, repetiu, e amosou o seu desexo de  “facer transparentes as paredes dos despachos para desterrar corrupcións e tratos de favor”, cun goberno local que converta o concello “nunha entidade de participación que logre unha democracia municipal real”.

Otero- que estará acompañado na lista, nos dez primeiros postos, por Vitoria Iglesias Molares,  Manuel González Moreira, Ernes Rodríguez Pastoriza, Manuel Caride Correa, Dolores Rodríguez Martínez, Diego Santorio Moscoso, Elsa Quintas Álbores, Xabier Pérez Iglesias e Maribel Tato Sánchez– aposta por unha cidade “para traballar e para vivir” cun novo modelo de urbanismo “onde a protección ambiental e a recuperación de espazos urbanos degradados e no litoral sexa “unha prioridade fronte a ocupación do territorio”.

También te puede interesar