Comarcas Vigo al minuto

A primeira fase das obras da PLISAN podería estar rematada e funcionando a principios de 2017

Estado da PLISAN na actualidade
Estado da PLISAN na actualidade

A Zona Franca de Vigo (ZFV), o Porto de Vigo (APV) e a Xunta asinaron este mércores o documento sobre as súas respectivas obrigas, previamente a licitar a execución das obras da primeira fase dos sistemas xerais da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisán), que prevén que poidan finalizar a principios de 2017.

Esta primeira fase do proxecto inclúe a execución do vial principal de acceso, ademais dos servizos necesarios -iluminación pública e subministración eléctrica, saneamento, telecomunicacións, drenaxe de augas pluviais e rede de abastecemento-. Paralelamente tamén se desenvolverán os sistemas da estación de tratamento de auga potable (ETAP) e da depuradora de augas residuais (EDAR).

A plataforma conectarase coa autovía A-52 nunha actuación que está a promover o Ministerio de Fomento, que “está a avanzar” e  que, “en breve, dará resultados”, adiantou a conselleira de Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, que tamén lembrou que está previsto un acceso ferroviario, que nestes momentos está sendo estudado pola APV.

O importe total do convenio é de 20,25 millóns de euros, que serán financiados nun 61 % polo Porto, nun 21 % pola Zona Franca e nun 18 % polo Goberno galego, que tamén se encargará de licitar o proxecto, o que podería ser o mes que ven, segundo adiantou a conselleira.

A previsión e iniciar as obras, sobre unha superficie de 70 hectáreas, este mesmo ano, que estén finalizadas finalice a principios de 2017, tras o que as parcelas se porán a disposición das empresas interesadas.

Sobre a posibilidade de que a Zona Franca compre algunha parcela na PLISAN, a delegada do Estado no Consorcio, Teresa Pedrosa, comentou que tendo en conta que os recintos de que dispón en Balaídos e Bouzas están “esgotados practicamente”, a súa intención é solicitar algún espazo.

 

También te puede interesar