Galicia

8.500 prazas na ‘Camapaña de Verán’ do Goberno galego para este ano

 VeránA ‘campaña de verán’, que organiza a Consellería de Benestar, ofertará este ano máis de 8.500 prazas e incorporará, como principal novidade, unha nova programación en campamentos para os maiores de 14 anos.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado presentou este luns en rolda de prensa esta programación que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos. Para poñer en marcha todas estas actividades, o Goberno galego investirá 2,4 millóns de euros, un financiamento que permitirá, ademais, a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.

O director xeral adiantou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a convocatoria para solicitar praza nos 19 albergues e campamentos que estarán dispoñibles na xeografía galega para os menores de entre 9 e 17 anos. Ademais, os interesados tamén poderán optar a prazas no País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa.

A duración das quendas, que terán lugar entre xullo e agosto, variará en función da idade dos participantes e das características dos campamentos, e oscilará entre os 8 e os 12 días. Segundo precisou o director xeral, esta iniciativa ofrece “un recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel”.

Será precisamente neste tipo de actividades onde se incorporará a principal novidade deste ano. Por primeira vez, poranse en marcha os campamentos IMPLÍCA-T para mozos entre 14 e 17 anos. Neles, ademais das tradicionais actividades de ocio e tempo libre, os participantes contarán con outras accións como a conservación de espazos, a colaboración na sensibilización contra os incendios forestais ou a dinamización do camiño. Deste xeito, a través da educación non formal que proporcionan o voluntariado e a participación, adquirirán e desenvolverán valores como o compromiso, a responsabilidade, a iniciativa ou o traballo en equipo.

“A decisión de programar este tipo de campamentos está en liña coa renovación das políticas autonómicas en materia de xuventude nos últimos anos. As actuacións programadas por esta Dirección Xeral pasaron a pivotar en torno a programas de educación non formal desde o ano 2010”, explicou o responsable autonómico.

Pola súa banda, os máis novos, de entre 9 e 13 anos, poderán participar en campamentos de temáticas moi diversas como aqueles de carácter náutico, de expresión cultural ou de multiaventura.

Todos os campamentos serán en réxime de manutención en pensión completa e contemplan o material necesario para cada actividade. O prazo de inscrición estará aberto ata o 8 de abril. Entre todas as solicitudes, realizarase un sorte público ante notario.

O responsable de Xuventude e Voluntariado lembrou, ademais, que como todos os anos colaborarase coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos, e reservaranse prazas para colectivos específicos que serán xestionadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

O DOG tamén publicará mañá a oferta concertada. A través desta fórmula, Xuventude pon as súas instalacións a disposición de concellos, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos e mozas e outros colectivos para que organicen as súas actividades.

A programación da campaña de verán inclúe tamén os campos de traballo para maiores de 18 anos, cuxa convocatoria estará dispoñible o próximo mes. Esta experiencia de voluntariado e mobilidade contará con máis de 700 prazas, das que 485 serán de acollida, en campos organizados en Galicia; e outras 260 de partida. Estas últimas distribuiranse entre outras comunidades autónomas (110 prazas) e en máis de 25 países de todo o mundo (150 prazas).

En Galicia organizaranse 19 campos de traballo nas Illas Cíes, Cotobade, Ribadumia, Illa de Cortegada (Vilagarcía), Riós, Muíños, Celanova, Vilar de Barrio, A Peroxa, Portomarín, Xermade, Quiroga, Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois e Padrón.

As quendas serán de 10 ou 12 días ao longo do verán e os voluntarios poderán participar en actividades ambientais, etnográficas, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento. Poderán participar mozos e mozas galegos, residentes noutras comunidades autónomas, procedentes de países estranxeiros, así como voluntarios da Galicia exterior.

As actividades para maiores de 18 anos, que ofertarán 240 prazas, centraranse en programas de convivencia con participantes da Galicia exterior.

También te puede interesar