Galicia

A xuiz desestima as demandas colectivas de Adicae pola emisión de Preferentes das caixas galegas

PreferentesOs xulgados 1 e 2 do Mercantil de A Coruña emitiron dúas sentenzas que desestiman accións colectivas presentadas pola Asociación de Usuarios de Bancos Caixas e Seguros (Adicae), contra a venda de participacións preferentes por parte de NCG Banco, Caixanova Emisiones e Caixa Galicia Preferentes.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada de reforzo recoñece nas resolucións a existencia de prácticas abusivas por parte das caixas de aforros, pero entende que coa normativa en vigor, xa non se produce a comercialización destes produtos financeiros nos termos expostos polos demandantes.

A  xuíza sostén que o risco de reiteración futura non existe na actualidade, polo que a acción colectiva de cesación desta actividade, que está encamiñada a que non se poida seguir realizando a venda de preferentes nas condicións que foron denunciadas, xa non tería efecto.

Así as cousas, ambas as dúas sentenzas, con data de 9 de marzo, refírense ás demandas presentadas por Adicae e particulares en decembro de 2012 contra a emisión de preferentes das caixas galegas e NCG Banco -fusión de Caixa Galicia e Caixanova– co “único fin por parte da entidade bancaria de sanear os seus balances” e por ter “cláusulas abusivas e de difícil comprensión”.

Contra estas sentenzas cabe recursos de apelación que deberá interpoñerse no Xulgado do Mercantil nun prazo de 20 días dende a súa notificación.

No tocante ás accións individuais sobre as que se pronuncia a sentenza, desestímase a impugnación dos contratos por entender que non todas as condicións xerais da contratación son abusivas, nin se manteñen no tempo.

Si se admite parcialmente unha das demandas contra NCG, por entender que unha das condicións si é abusiva e non pode manterse. En concreto, refírese á cláusula que establece que: “O cliente recoñece que é o único responsable de asegurarse de que comprende os riscos asociados”.

Por iso, condénase á entidade a eliminar a devandita cláusula do contrato, pero non se anula o mesmo, por soster a maxistrada que non afecta aos elementos centrais do contrato.

También te puede interesar