Vigo al minuto

Máis de 2.600 pacientes de Povisa pediron o seu cambio a outros hospitais de Vigo

2.644 pacientes de Povisa solicitaron a súa inclusión no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) no marco do proceso aberto pola Consellería de Sanidade. Segundo informa a Xunta, o prazo para pedir o cambio de centro finaliza o día 30.

O cambio poden solicitalo os doentes dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e Vigo que actualmente estén asignados a Povisa. Os cidadáns que teñan a Povisa como centro de referencia e desexen continuar nel non teñen que realizar ningún trámite.

Así, os pacientes interesados deberán achegar documento identificativo -DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro ou pasaporte- e o formulario incluído na instrución publicada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), tamén dispoñible nos centros de saúde dos concellos.

O Servizo Galego de Saúde publicou hai dous meses a instrución que regula o prazo e o procedemento mediante o que os cidadáns asignados á área de Povisa poden elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia. Esta instrución atópase dispoñible na web do Sergas no apartado de ‘Novidades’.

As solicitudes poden presentarse no centro de saúde que lle corresponda á persoa interesada ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios de Vigo. Se a documentación non está completa ou ten algún defecto, haberá un prazo de dez días para emendalo.

O cambio de hospital é efectivo no momento en que o usuario presente a súa solicitude e sexa adscrito polo Sergas. A petición leva implícita a súa permanencia ata como mínimo, a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.

 

También te puede interesar