Video Vigo al minuto

Os traballadores de Cespa non deixarán a folga sen garantías de que non haberá despidos e de que seguirá o mesmo convenio

Traballadores de Cespa protestando este luns ás portas do Concello que permaneceu pechado/Tresyuno Comunicación

O cadro de persoal de Cespa e Linorsa, concesionarias dos servizos de mantemento de parques e xardíns e de limpeza dos colexios públicos e das dependencias municipais de Vigo, levaron a cabo hoxe unha protesta conxunta diante do Concello para reclamar unha solución aos seus respectivos conflitos laborais.

Os primeiros, en folga indefinida dende este luns, día 10, reclaman que o prego de condicións do concurso de adxudicación garanta a subrogación dos empregados e o mantemento do actual convenio de empresa, mentres que a plantilla de Linorsa esixe o pago dos salarios pendentes.

Segundo denunciaron, o Concello vén de prorrogarlle por un ano a concesión que remataba a 31 de decembro “a pesar de que a empresa mantén débedas coas máis de 200 traballadoras, xa que continúa sen abonarlle a paga extraordinaria e o salario deste mesmo mes”.

Os traballadores de Cespa, concesionaria do mantemento de parques e xardíns e das áreas forestais, concentráronse dende primeira hora da mañá ás portas do consistorio coincidindo co inicio da folga indefinida, o que provocou de novo o peche da porta principal por parte dos responsábeis municipais. A protesta, que foi moi ruidosa, incluíu o lanzamento de petardos e de ovos contra a fachada do edificio. Ao mesmo tempo, os afectados berraron consignas como “Esta concesión cheira a corrupción” ou “Solución a esta situación”.

Arredor das 10 e media da mañá, as traballadoras de Linorsa, concesionaria da limpeza dos colexios públicos e das dependencias municipais, sumáronse á mobilización e despregaron unha faixa na que se podía ler “Linorsa non paga. Solución”.

A secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, explicou que a convocatoria de folga en Cespa non se suspenderá “até que os responsábeis municipais se senten co comité e lle garantan por escrito que a nova concesionaria vai subrogar todo o cadro de persoal e vai manter o actual convenio de empresa”.

A representante sindical trasladou a preocupación dos traballadores polos seus postos de traballo xa que tendo en conta o prego de condicións do concurso “temen que polo menos 20 dos 109 empregos van quedar fóra da subrogación”. Neste senso, instou ao Goberno local a cumprir un acordo da corporación do ano 97 no que por unanimidade se decidiu que todas as empresas que opten a un servizo municipal teñen a obriga de facerse cargo do cadro de persoal.

Pola súa parte, o concelleiro delegado de Parques e Xardíns, enviou esta tarde, logo de ter unha xuntanza co comité de folga de Cespa, unha nota de prensa aos medios de comunicación na que asegura que o prego de condicións que rexe a contratación do servizo garante a subrogación detodos os empregos; “polo tanto, todos os postos de traballo está absolutamente garantidos. Ningún solo traballador será despedido, calquera que sexa a empresa que resulte adxudicataria”.

Ángel Rivas subliña que os voceiros do comité de folga “menten” ao afirmar que so recolle 60 postos de traballo, pois o listado facilitado pola empresa e recollido no prego supera o centenar. “Este listado é perfectamente coñecido polo comité de folga”.

O concelleiro reitera queo prego de condicións non permite ningunha subcontratación de persoal” e que o goberno local xa lle comunicou ao comité de folga, “pública e persoalmente”, que “a subcontratación prevista se refire unicamente a medios materiais, en ningún caso a medios humanos” e que, para maior aclaración, “a administración local promoverá ante o órgano de contratación unha modificación aclaratoria do prego sobre este aspecto”, cuestión que, según Ángel Rivas, “é perfectamente coñecida polo comité de folga”.

 

También te puede interesar