Anova de Redondela acordou a súa «autodisolución» ao considerar que a formación é unha “ferramenta inútil para a transformación social, verdadeira motivación das persoas integrantes da Asemblea».
A coordinadora local de Anova en Redondela informou este venres da decisión acordada nunha asemblea celebrada o pasado mércores, día 22 de outubro, tras dar conta dela aos órganos de dirección da formación que lidera Xosé Manuel Beiras.
Nun comunicado, a formación critica que tras dous anos de andaina e despois dos «últimos acontecementos sucedidos na II Asemblea Nacional amparados polo coordinador nacional, Martiño Noriega, e o voceiro nacional, Xosé Manuel Beiras», Anova IN «carece das máis mínimas garantías democráticas», que garantan a actividade política dentro da organización.
«O proceso político dos últimos dous anos e medio supuxo un esforzo persoal e colectivo xirado en demasía á resolución da actividade interna da organización», lamentou Anova Redondela, que asegurou que iso «implicou non desenvolver todo o traballo político que a asemblea de Redondela querería«.
Por todo iso, a formación acordou a súa «autodisolución» e que «tomará as medidas de comunicación oportunas», tales como a «información aos organismos pertinentes e ás persoas e medios que poida interesar».
