Vigo al minuto

Profesores denuncian a “política de sancións ós docentes”, entre eles varios con enfermidades graves

O sindicato do ensino ANPE levantouse da mesa na xuntanza celebrada este martes, día 9, en Pontevedra, entre a Xunta de Persoal Docente da provincia e a administración educativa, en protesta pola política de persoal que se está aplicando en materia disciplinaria dende a Xefatura Territorial de Educación.

“Desde ANPE constatamos que se está recorrindo de modo reiterado á apertura de expedientes disciplinarios desde a Xefatura Territorial en casos nos que consideramos totalmente improcedente este medida, co agravante de que os expedientes abertos derivan sistematicamente en sancións”.

O sindicato subliña que así aconteceu o curso pasado con varios compañeiros e compañeiras, que “tras unha impecable e encomiable traxectoria profesional” víronse sancionados cando basicamente o que fixeron foi seguir as indicacións de representantes da administración do momento; noutro caso actuouse contra o docente por tomar medidas en defensa das necesarias dotacións para o seu centro educativo; e “nestes momentos acábase de dar o caso extremo e sangrante de suspender de funcións a unha profesora que sufre unha importante patoloxía, debidamente diagnosticada, e fortemente medicada, á que a pesar dos seus problemas, e atopándose de baixa, déuselle no seu momento a alta de oficio por parte da inspección médica de Educación”.

As consecuencias desta medida sobre a actividade profesional da docente e sobre a súa propia situación persoal foron obvias, indica ANPE, derivando na apertura dun expediente no que a pesar de encontrarse novamente en situación de baixa, medicada, e atravesando por un serio transtorno, tomóuselle declaración malia -neste caso si- o informe en sentido contrario da inspección médica.

Os profesores pregúntanse, “¿Pode unha persoa baixo esas circunstancias estar en condicións de realizar unha declaración coherente e defenderse? “Polo que se ve hai quen considera que si. Tamén resulta fácil imaxinarse as consecuencias de verse sometida a esa situación sobre o estado de saúde da profesora”.

Cando se expuxeron estes planteamentos ó Xefe Territorial, denuncian, este manifestou a súa vontade de que o caso recibira un enfoque de tipo humanitario. “Os feitos lamentablemente foron por derroteros ben distintos”.

ANPE manifesta o seu desacordo co trato que por parte da administración están a recibir compañeiros con problemas de saúde: requirimentos constantes por parte da inspección médica, altas de oficio, descontos en nómina e agora tamén expedientes.

“¡Abonda xa de criminalizar ó profesorado enfermo! Denunciamos estas actuacións da administración educativa e da Xefatura Territorial de Pontevedra; parécenos deplorable que se lle dea un tratamento disciplinario ó que require outro tipo de intervención”.

 

También te puede interesar