Ciencia y Tecnología

Atrapados 3.000 exemplares de avespa asasina no que vai de ano

3.000 exemplares de avespa ‘asasina’ -avespa asiática – foron atrapadas en trampas en Galicia dende a activación por parte da Xunta do protocolo previsto para este tipo de situacións, ao atoparse incluída no catálogo de especies invasoras.

Así o indicou este xoves en declaracións aos medios de comunicación a directora xeral de Produción Agropecuaria antes de reunirse con representantes da Asociación Galega de Apicultores, en Compostela.

Patricia Ulloa cifrou en 270 os avisos atendidos tras a posta en marcha do protocolo, no primeiro trimestre deste ano, e fixou en 139 os niños retirados. A diferenza entre ambas as dúas cifras, explicou, débese a que “ás veces esta especie é difícil de distinguir da autóctona, malia ser máis grande e de cores vivos, amarelos e negros”.

A directora xeral tranquilizou á poboación, asegurando que esta avespa -que chegou de Asia pasando por Navarra e que se localiza fundamentalmente en puntos da Mariña de Lugo (como Cervo e O Valadouro) e do Val Miñor (Baiona, Gondomar)- “non provoca ningún prexuízo para a saúde humana” á marxe do que pode xerar, igualmente, unha avespa común para un alérxico. Ademais, subliñou, o Goberno galego non ten constancia de ningún caso de perdas causadas a apicultores por esta especie, por ataques a colmeas.

Esta avespa ten apetencia polas abellas, e ese é, segundo recoñeceu Ulloa, “o principal problema” da súa expansión por Galicia, motivo polo que se activou o protocolo de actuación, que está funcionado, ao seu xuízo, “con éxito”.

 

You may also like