Vigo al minuto

Mobilización para esixir o laboratorio central no novo hospital

Un intre da mobilización, este martes

‘Contra a privatización da sanidade e polo equipamento do laboratorio central para o novo hospital de Vigo’. Esas foron as dúas reivindicacións que este martes sacaron á rúa, unha vez máis, ao persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), para facer unha manifestación circular que partiu do Hospital Xeral e discorreu até o policlínico Cíes.

Segundo lembraron os facultativos, aínda que o proxecto orixinal para o novo hospital de Vigo contemplaba a construción dun laboratorio central, a Consellaría de Sanidade acordou que “a infraestrutura só contará con laboratorio de urxencia e un servizo de transporte de mostras, mentres que o laboratorio ficará centralizado no Meixoeiro -a 11 quilómetros de distancia-“.

Os profesionais deste servizo, subliñou María Xosé Rodríguez Vilaseco, da CIG-Saúde, teñen alertado que isto vai afectar directamente á saúde dos pacientes, ao demorarse os resultados das mostras, que mesmo poden deteriorarse. “Nin se consultou, nin se preguntou aos profesionais sobre esta cuestión, nin tampouco hai intención de diálogo da Consellaría ou da Xerencia, e nin sequera un plan funcional real”, asegura.

“Esta área sanitaria está sufrindo unha discriminación, porque no resto dos grandes hospitais do país teñen un laboratorio central, pero no de Vigo só haberá un de urxencia. Isto supón un perigo para a saúde dos doentes e incluso pode incrementar a mortalidade e morbilidade, porque os doentes críticos precisan de resposta rápida”, subliñou.

Neste senso, advertiu das condicións lamentábeis” nas que se atopa o laboratorio do Meixoeiro, ao tempo que apunta ao negocio que suporá o servizo de transporte das mostras, que previsibelmente recaia sobre algunha das empresas asociadas ao proxecto do novo hospital ou algunha das encargadas da súa construción.

O persoal entende que a ausencia de laboratorio central no novo hospital responde ás intencións privatizadoras do Partido Popular, que pretende delegar en concesións privadas un servizo centralizado no Hospital do Meixoeiro. De feito, o proxecto inicial do novo hospital sufriu un recorte de 65.000 metros cadrados por motivos puramente económicos “e o único argumento da Consellaría foi deixar espazo para futuros equipamentos”.

 

También te puede interesar