A conselleira de Benestar afirma que na dependencia o importante son os afectados e non as súas familias

A conselleira de Traballo declarou este xoves que o seu compromiso cos dependentes galegos se basea, “sobre todo, en garantir atención de calidade” e en prestar servizos con “distinción profesional”, tendo en conta que o obxectivo da lei é “precisamente a protección das persoas afectadas, e non das familias”.

Preguntada en rolda de prensa sobre os recortes en dependencia, Betariz Mato salientou o incremento anual do número de dependentes atendidos en Galicia e abundou en que a atención que reciben é “sempre” de calidade, é dicir, con servizos que supoñen un esforzo económico por parte da Xunta “superior ao que sería facer chegar paguiñas”.

“A paga é diñeiro que entra nunha familia, e para min, o mais importante é que sexa para o dependente e non para a familia”, defendeu, para explicar que “moitas veces un familiar non pode tratar o dependente da forma en que o necesita” e por iso o Goberno aposta “polas prazas e non polas pagas”.

En relación co recorte dos fondos para dependencia por parte do Estado, Beatriz Mato subliñou que a Xunta achega “preto do 80 % de recursos propios” para compensar a caída. “Creo que esta porcentaxe é o suficientemente significativa para mostrar o grao de compromiso que ten esta comunidade autónoma e o grao de esforzo para o desenvolvemento da lei”, reivindicou, e engadiu que o 60 % dos fondos da área social da Consellería de Traballo están destinados á dependencia.

A preguntas dos xornalistas sobre que haxa dependentes que deban abandonar as súas residencias ao non poder facer fronte ao seu custo, a conselleira asegurou que “a día de hoxe non ten constancia de que ninguén queira saír do sistema nin rexeite a achega económica que se pode dar”.

 

You may also like