Galicia

Alertan de que o 93% dos contratos asinados en Galicia o mes pasado foron temporais

Malia contabilizarse un descenso de 12.000 persoas anotadas nas oficinas do Servizo Galego o mes pasado, segundo sinala a Confederación Intersindical Galega, “a precariedade e a temporalidade medran de xeito imparábel, e dos 91.604 contratos asinados en xuño tan só 5.466 se fixeron baixo algunha das modalidades de contratación indefinida en vigor”.

A central sindical salienta que máis do 93% dos contratos de traballo asinados en Galicia son temporais e “nin o abaratamento da contratación indefinida nin a marea de mensaxes do PP sobre as perspectivas económicas, poden ocultar este deterioro do mercado laboral”.

“A maioría do emprego creado o pasado mes ten un carácter estacional, xa que a contratación temporal se incrementou un 25,17% respecto de xuño, fronte á indefinida que só medrou un 1,20%”, indica o sindicato que lembra que “estes contratos temporais levan aparelladas unhas condicións laborais e salariais peores, o que á súa vez provoca que haxa menor consumo e, polo tanto, que a economía siga estancada”.

Ademáis, alerta do “alarmante incremento da pobreza que se está a producir en Galicia”, xa que hai 93.700 fogares con todos os seus membros activos no paro. Ademais, conclúe, un total de 118.100 persoas, o 42% de desempregados, leva máis de 2 anos sen traballar e xa non ten ningún tipo de axuda, segundo os datos da EPA do último trimestre.

 

Te podría interesar